Xustiza

O TSXG recoñece o dereito a unha nai monoparental a gozar tamén do permiso de paternidade

Unha nai pasea co seu bebé nun carriño. (Foto: Europa Press)
No caso de denegarllo, estaríase a discriminar esta muller, funcionaria da Policía Nacional, segundo entenden os maxistrados.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de recoñecer a unha funcionaria da Policía Nacional o seu dereito a gozar do permiso de paternidade após finalizar os de maternidade e lactación, unha medida que lle fora denegada por silencio administrativo por parte da Dirección Xeral da Policía.

Nunha sentenza con data do 1 de febreiro e da que informou esta terza feira o Sindicato Unificado da Policía (SUP), a sala do contencioso-administrativo do TSXG sinala que os razoamentos xurídicos recollidos nunha sentenza anterior son aplicábeis neste caso e que, de non recoñecerse o solicitado pola funcionaria, estaría a afectar negativamente o dereito de igualdade do menor e discriminando tamén á muller.

Aliás, lembra que o dereito reclamado pola nai xa é recoñecido en lexislación como a Lei de Emprego da Galiza, polo que de non concederse determinaría unha "inxustificada diferenza de trato" entre funcionarios que traballan no mesmo territorio, "unicamente por razón da súa dependencia a unha ou outra administración".

Por todo iso, e "primando o interese do menor", anula a resolución denegatoria da ampliación do permiso e declara o dereito a gozar dese permiso por un período de 26 semanas, após gozar previamente das 16 referidas ao permiso de maternidade.

Contra a presente sentenza cabe recurso de casación perante o Tribunal Supremo. Precisamente, o TS rexeitou recentemente que unha familia monoparental puidese sumar estes permisos logo de que o Tribunal Superior de Xustiza Vasco condenase a Seguridade Social e recoñecese a unha nai soa o seu dereito a oito semanas adicionais de permiso.

Os tribunais de xustiza dos diferentes territorios do Estado español discrepan nesta cuestión. Alén dos casos galego e vasco, o alto tribunal de Asturias e o da Rioxa téñense pronunciado en contra desta reclamación, alegando, da mesma forma que neste recente veredicto do Supremo, que esa posibilidade non está prevista na lei.

Voltando á Galiza, en maio de 2022 un xulgado da Coruña recoñeceu o dereito da única proxenitora dunha familia monoparental a ampliar o permiso polo nacemento da crianza a 32 semanas, entendendo que parte dunha situación "desfavorábel" en relación coas familias biparentais.