Unha nai e unha filla morren a causa dun incendio nun edificio do Valadouro

Bombeiros de Viveiro actuando nunha vivenda (Foto: Nós Diario).
A Garda Civil investiga as causas do incendio sen descartar ningunha hipótese, incluída a liña de que puidese ser provocado.

Unha muller de 77 anos que fora trasladada ao Hospital da Mariña polas feridas sufridas no incendio dun piso no Valadouro (A Mariña) faleceu na noite desta segunda feira no centro hospitalario situado en Burela.

O suceso rexistrado na tarde desta segunda feira cobrouse as vidas da nai e a súa filla, de 50 anos, que convivía no piso do Valdouro xunto co seu pai, de 79 anos, e que tamén resultou ferido e tivo que ser atendido no PAC de Burela.

Fontes hospitalarias confirmaron que a nai morreu no hospital da Mariña, onde foi evacuada de urxencia a consecuencia das feridas causadas polo lume, cuxas causas están a ser investigadas pola Garda Civil.

A casa incendiada atópase na Avenida da Deputación da localidade mariñá, até onde se mobilizaron á primeira hora da tarde os bombeiros de Barreiros, Garda Civil e Protección Civil, ademais de profesionais de Urxencias Sanitarias 061.

O lume, iniciado no piso no que residían as dúas vítimas mortais e o pai da familia, non se propagaron ao resto de edificio que, con todo, si se viu afectado polo fume, o que obrigou a desaloxar a moitos dos veciños e veciñas.

Non se descarta ningunha hipótese

Algúns deles mesmo tiveron que ser rescatados polos balcóns mediante o cesto dos Bombeiros. A Garda Civil investiga as causas do incendio sen descartar ningunha hipótese, incluída a liña de que puidese ser provocado.