A nai da moza descualificada por correr coa camiseta de ‘Mina non’: “Está orgullosa”

Sabela ao cruzar a meta.

Helena Miguéns é a nai de Sabela, a rapaza de 16 anos á que descualificaron na Carreira pedrestre popular do Pino por levar unha camisola cun lema contra a mina de Touro-O Pino. Os argumentos dados polos xuíces da proba para esa eliminación non convencen a nai nin a filla.

Helena Miguéns transmitiu á súa filla Sabela o amor polo atletismo, un deporte que ela mesma practica. Este domingo, Sabela, de 16 anos, participou na XV edición da Carreira pedestre popular do Pino, entrando de segunda na meta na súa categoría. Porén, foi descualificada por levar una camisola da plataforma que se opón ao proxecto megamineiro que se pretende desenvolver no Pino e Touro. “Ao cruzar a meta un xuíz achegóuselle e díxolle que estaba descualificada”, explica Miguéns en conversa con Sermos Galiza. “Ela contoume que a explicación que lle deu foi que por levar una camiseta reivindicativa”.

 

Outro xuíz desa proba achegouse entón a Helena para informala dos motivos da eliminación: “Díxome que nas carreiras da federación o atleta ten que correr coa equipación do seu clube, levar calquera outra indumentaria é motivo de descualificación”. Unha explicación que a ela non a convence: “Hai atletas ben coñecidos e que compiten en carreiras oficiais, da federación, e non levan a camiseta do seu clube senón a dos patrocinadores dese atleta”, afirma a nai de Sabela. Mesmo aponta que ela ten competido no seu tempo con camiseta reivindicativas “sen ningún problema e sen que me descualificasen”.

 

Nestes días e a través das redes sociais a xoven atleta reibiu moitos apoios (entre eles de Guadi Galego ou Ses), mais tamén críticas e insultos.

 

A eliminación de Sabela non se debe a que a camisola ocultase o número ou dificultase a súa identificación. Hoxe en día nas probas deste tipo os corredores e corredoras levan un chip.

 

Por que levaba Sabela a camiseta na carreira? “Ela non a levaba cando comezou a carreira. No traxecto da proba había un grupo de persoas con camisetas e faixas que apoiaban os deportistas que pasaban e ao tempo denunciaban o que supón a mina”, sinala esta veciña de Rois. “Sabela parouse onde estaban e colleu unha camiseta, púxoa e seguiu competindo con ela”. A descualificación, cando lograra un segundo posto, foi un golpe duro. Dos primeiros apoios que recibiu foi dos propios membros da plataforma que lle entregaran a camiseta e que quixeron agradecerlle o xesto.

 

Arrepíntese de ter feito ese xesto? “Está orgullosa e creo que o volvería facer”, comenta a nai, que explica a ilusión que a Sabela lle fixo os apoios chegados a través das redes sociais (“Guadi Galego, Ses…”). Unhas redes a través das que tamén lle choveron críticas e insultos. “Eu o único que lle digo é que non lles responda”, conclúe.