CAMPAÑA NAS REDES

Un Nadal azul para un diario en galego

3, 2, 1… comeza a conta atrás para acadarmos as últimas presubscricións que permitan facer realidade un diario en papel en galego e con este obxectivo iniciamos esta cuarta feira unha intensa campaña nas redes sociais. E é que a presubscrición á única opción diaria que haberá nos quiosques en galego é a mellor opción para agasallar neste Nadal azul!

Con tan só 56 céntimos ao día (prezo da subscrición anual de acceso ao xornal dixitalizado na nube), podes agasallar o diario galego neste Nadal azul. Esta é unha das ideas chave da campaña que inicia esta cuarta feira Sermos Galiza, S.A. nas redes sociais coa ollada posta no obxectivo mínimo das 3.000 presubscricións para lograrmos a estabilidade financeira precisa co fin de afrontarmos os custos de edición do diario.

 

Até oito modalidades de inscrición, en función das necesidades e gostos de cadaquén, facilitan un galano do Apalpador que é a semente que dará como froito o esperado e necesario diario en galego. O cargo só se pasará ao cobro, en 2019, de conseguirmos as 3.000 asinantes. De ser así, a partir de xaneiro sentariamos as bases para lanzarmos o xornal no segundo semestre de 2019. Un momento histórico que suporía a volta aos quiosques da lingua galega de terza feira a sábado.

 

Tócase cos dedos

 

O soño do diario en papel en galego tócase cos dedos. Está moi próximo, mais precisamos dun derradeiro impulso. O horizonte ten data: o 31 de decembro de 2018. Será entón cando se saiba se todo o labor de socialización do proxecto para a saída do diario promovido por Sermos Galiza, S.A. e impulsado por máis de cento oitenta persoas representativas dun amplo abano de sectores cristalizou. No haber levamos máis de medio cento de actos de presentación que nos permitiron chegar a milleiros de persoas e nos que concluímos que alén de posíbel, un diario en papel en galego é unha necesidade.

 

Quen pode ser destinataria ou destinatario dun presente que contribúe a normalizar e dignificar a lingua galega e a conformar a opinión sobre información obxectiva e contrastada? Calquera home ou muller que aspire a se informar daquelas temáticas que os diarios en papel obvian, como son a cultura galega, o traballo, os feminismos, a ecoloxía, a memoria, a historia, a lingua, a economía, os dereitos e liberdades civís… Calquera home e muller que goste dunha ollada construtiva cara ao desenvolvemento e a transformación económica e social da realidade galega. Calquera home e muller cun pensamento e comportamento aberto, actual e implicado e que non ve reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social.

 

Para a Galiza de 1918, aquela Galiza das Irmandades da Fala, contar cun diario en galego era unha utopía por máis que se sentise unha necesidade. Cen anos despois a utopía está a medio paso de virar realidade. Non valen lamentacións posteriores, porque está na man de cada unha e cada un de nós conseguírmolo. O momento é agora!

 

Podes presubscribirte ao diario en galego na seguinte ligazón.