Os nacementos continúan en caída na Galiza: 10.473 de xaneiro a setembro, 3% menos que no mesmo período de 2022

Unha nai pasea co seu bebé nun carriño. (Foto: Europa Press)
Do total de nais até setembro, o grupo maioritario é o de 35 a 39 anos

O número de nacementos na Galiza de xaneiro a setembro deste ano foi de 10.473, unha cifra inferior á rexistrada no mesmo período do exercicio pasaso, 2022, cando foran 10.804 os nacementos. Unha diferenza á baixa, pois, de 3%.

En 2021 o número de nacementos neses nove meses na Galiza foi de 11.144 e se nos remontamos a 2016 fora de 14.353. En menos dunha década o número de nacementos entre os nove primeiros meses de entón e os de agora descendeu en case 4.000.

A Galiza rexistrou un total de 14.556 nacementos e 34.961 mortes en 2022, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Así, ademais de as mortes superaren o dobre dos nacementos, o número de nados diminuíu con respecto a 2021. 

O ritmo de caída de nacementos na Galiza en 2022 é menor ao 3% de descenso acumulado no ano 2021. Da mesma maneira, o 1,56% de descenso sufrido en 2022 é lixeiramente inferior ao ritmo de retroceso na media do Estado español, 2,08%. No tocante só ao mes de decembro, naceron 1.189 crianzas na Galiza, o que se traduce en 52 menos que un ano antes, segundo os datos publicados onte polo INE. 

Porén, a pesar do alarmante que poida parecer o descenso do número de nacementos na Galiza, as persoas especialistas en demografía insisten en que os números de alumeamentos en abstracto "non din nada". O que interesa, din, é a taxa de fecundidade ou número de fillos por muller en idade fértil.

A idade media das mulleres no momento do primeiro parto en toda a Unión Europea é de 31,5 anos,  segundo os datos que vén de publicar o Anuario 2022 de Euostat, a oficina de estatística da UE. 

Eses 31,5 anos son unha idade media que supera a Galiza, o territorio da UE onde as mulleres dan a luz a primeira crianza coa idade máis alta: 34,5 anos, tres anos por riba da media da Unión Europea. No outro extremo figura a rexión de Severozapaden, no noroeste de Bulgaria, onde as mulleres que dan a luz por vez primeira son as máis novas, cunha media de 27,2 anos.