Os nacementos caen en 30% na Galiza en só oito anos

(Gráfico: Nós Diario).
Na Galiza houbo 2.170 nacementos nos dous primeiros meses do ano, o que supón 2,2% menos que no mesmo período de 2023, mentres que no Estado español aumentaron en 2,8%. Son datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que afondan nunha tendencia presente desde finais da década dos 80.

Cada novo dato ou estatística oficial sobre a evolución da natalidade na Galiza é un paso máis no camiño de caída de nacementos nun país cada vez máis avellentado. A baixa natalidade, sendo unha realidade presente nos chamados países occidentais, mostra na Galiza unha tendencia moito máis acusada. Así o corroboran os datos do INE publicados onte.

Nos primeiros dous meses do ano na Galiza naceron 2.170 crianzas, o que representa 2,2% menos a respecto do mesmo período de 2023, cando xa caeran a respecto dos dous meses de inicio de 2021. No entanto, no Estado español os nacementos en xaneiro e febreiro deste ano aumentaron 2,8% na comparativa co exercicio anterior. O mesmo que na maioría dos territorios, agás Estremadura e Andalucía, onde os nacementos descenderon  -0,8% e -0,57% respectivamente. Mesmo comunidades como Asturias ou as Illas Canarias, que tradicionalmente acompañan Galiza nos postos finais en nacementos, desta vez celebran un aumento no número de partos, que no caso asturiano é de 2,5%.

En descenso

Unha comparativa cos exercicios anteriores indica que, agás 2021, nunca houbo un arranque tan malo de  ano para a Galiza en natalidade. En xaneiro e febreiro naceron 890 crianzas menos que hai só oito anos, en 2016; un considerábel descenso de 30%, case un terzo menos en menos nunha década.

Por idades das nais, o grupo maioritario nos dous primeiros meses de 2024 foron entre os 35 e os 39 anos, con 721 mulleres. Ségueo o grupo de 30 a 34, con 659. Houbo 346 proxenitoras entre os 25 e 29 anos. De 20 a 24 anos, 110. Tamén hai 19 nacementos en mulleres de 15 a 19 anos. Pola súa parte, de 40 a 44 anos son 276. De 45 a 49, 34 mulleres. E houbo catro nacementos con 50 ou máis anos. 

A idade media das mulleres no momento do primeiro parto en toda a Unión Europea é de 31,5 anos,  segundo os datos do Anuario de Eurostat, a oficina de estatística da UE. Unha idade media que supera Galiza, o territorio da UE onde as mulleres dan a luz á primeira crianza coa idade máis alta: 34,5 anos, tres anos por riba da media da UE. A taxa de natalidade galega (5,49) está por baixo da media da UE (9,3) e por baixo incluso da do Estado español (7,6), o cal se atopa no penúltimo posto da UE, só por diante de Italia (7,1).

O catedrático da USC Isidro Dubert sinala a Nós Diario o que interpreta como "claro fracaso dun modelo de xestión económico e social que, hoxe como onte, segue a condenar a mocidade á emigración" para situar "a orixe do problema demográfico" na Galiza.

A peor marca histórica

2023 deixou unha marca histórica na Galiza en canto ao número de nacementos: 14.103. Nunca, desde que hai rexistros, houbo tan poucos, mais o inicio de 2024 apunta a que pode marcarse un novo récord negativo.