Nace 'Proxecto Estreleira', unha iniciativa para a difusión dos símbolos do país

Detalle da pegada do 'Proxecto estreleira' no territorio galego.
As persoas promotoras do proxecto fan un chamamento para inzar o país de estreleiras o vindeiro 25 de xullo, Día da Galiza.

O 'Proxecto Estreleira' constituíse e deuse a coñecer este domingo, 27 de xuño, no cumio do Pico Sacro. Alí, un grupo de persoas da Galiza, nacionalistas e independentistas presentaron as bases e as liñas esenciais desta iniciativa social que nace co obxectivo de "divulgar e popularizar masivamente os nosos símbolos máis senlleiros". 

O lugar escollido "non é casualidade" afirman as responsábeis do 'Proxecto Estreleira', e a data tampouco, engaden. Escolleron o día en que se conmemora o 90 aniversario da proclamación da "efémera república galega de 1931 e véspera do 85 aniversario do plebiscito de autonomía de 1936, datas nunca suficientemente celebradas polo nacionalismo galego", precisan. 

Unha grande estreleira no Pico Sacro

As persoas participantes no acto ascenderon ao curuto do Pico Sacro no que despregaron unha grande estreleira, "o símbolo que máis e mellor identifica a causa nacional galega". De feito, aclaran nun comunicado, "en próximas semanas presentarase a edición dun mapa histórico da loita galega na época contemporánea con deseño de Leandro Lamas e o asesoramento histórico dos historiadores Xabier Buxeiro, Bruno Esperante e Antóm Santos".
 
'Proxecto Estreleira' nace encamiñada á "difusión sólida e continuada por todo o territorio galego da nosa simboloxía nacional e das reivindicacións básicas da causa nacional galega, aquelas que nos identifican como movemento". O obxectivo, recalcan, é "combinar a difusión territorial dos nosos símbolos co activismo, a propaganda, a memoria e a aprendizaxe divulgativa da nosa xeografía, historia e cultura". 

Orixe do proxecto

A idea xorde de dúas evidencias: "O déficit na difusión dos símbolos que nos identifican como pobo, e mesmo, a inhibición da base social nacionalista á hora de exhibir esta simboloxía na sociedade galega. E a crecente ocupación do espazo público e naturalización da simboloxía española e de estrema dereita antigalega”. 

Así, buscan contrarrestrar o avance da simboloxía "españolista" ao tempo que normalizan os símbolos propios da Galiza no espazo público. E para iso reclaman "creatividade, imaxinación e audacia".

Cada bandeira que despreguen irá acompañada dunha descrición ou mención a un lugar e á súa historia co fin de contribuír ao coñecemento do país, da súa cultura, xeografía e historia. As primeiras estreleiras correrán da súa conta, das persoas promotoras do proxecto, mais o que buscan é sumar activistas que pinten as súas propias bandeiras, as leven aos cumios por iniciativa propia e deixen constancia nas redes sociais.