Nace a plataforma ‘Galiza sen Gas’ para acelerar o abandono dos combustíbeis fósiles

(Foto: Galiza sen Gas)

Logo do peche definitivo das centrais de carbón galegas a plataforma ‘Galiza un Futuro sen Carbón’ refúndase para lograr o abandono do gas fósil antes de 2035.

 

Co apagado definitivo da central de carbón das Pontes en outubro pasado, a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” afirma que viu cumprido o seu obxectivo de pór fin ao uso do carbón no país antes de 2025. Agora, xusto cinco anos despois do seu nacemento, transfórmase en “Galiza sen gas” para demandar o abandono do gas fósil antes de 2035. 

“A fin da xeración eléctrica con carbón foi un enorme logro climático do que nos felicitamos”, sinalan. Así, a caída de 95,5% na produción das centrais térmicas de carbón acontecida entre 2018 e 2021 foi, de lonxe, a causa principal do descenso do 34% nas emisións galegas de gases de invernadoiro no mesmo período (2021 é o ano máis recente con datos oficiais sobre as emisións).  

Porén, “o atraso na transición enerxética está a facer que unha parte importante do oco deixado polo carbón na produción eléctrica sexa ocupado polo gas fósil, tamén chamado gas natural”.

Segundo o Instituto Enerxético de Galiza (INEGA), o consumo galego de gas fósil medrou 47,4% entre 2016 e 2021, sobre todo na xeración eléctrica. “O gas  é o combustíbel fósil máis empregado hoxe na Galiza, tanto na xeración eléctrica como na de calor”

O gas fósil está a ter un papel excesivo na nosa transición enerxética, sinalan. O seu uso incluso medrou máis que o do total das renovábeis durante o que levamos de século. “A utilización do gas fósil como respaldo das renovábeis na produción eléctrica e como fonte de calor pode e debe diminuír rapidamente mediante a redución do consumo enerxético e o desenvolvemento renovábel. Despois do carbón, o seguinte combustíbel fósil a abandonarmos é o gas fósil, pois o emprego do petróleo, do que aínda son extremadamente dependentes o transporte e o sector primario, terá que alongarse un pouco máis que o do gas”.

No seu manifesto fundacional, a plataforma “Galiza sen gas” proponse catro grandes obxectivos:

- Que se deixe de queimar gas fósil para producir electricidade antes de 2030 e para obter calor en fogares, servizos e industria antes de 2035. E acabar axiña coa súa utilización no transporte, que é moi residual.

- O peche da regasificadora de Mugardos antes de 2030 e o abandono inmediato por parte da Xunta do accionariado de Reganosa, enerxética da que detén o 28,6% do capital.

- A prohibición inmediata das importacións de gas obtido mediante “fracking”, por ser a técnica máis impactante (razón pola que foi prohibida no Estado), así como o cesamento da importación de gas que contribúe a financiar guerras ou procedente de países inmersos en conflitos bélicos. Neste sentido, cómpre suliñar que 15 dos 28 metaneiros descargados na regasificadora de Mugardos durante 2022 procederon de Rusia.

- A oposición ao posíbel hidroduto Guitiriz-Zamora, que se integraría no proxecto H2Med. A produción masiva de hidróxeno verde para exportación, ou ben desviaría unha grande cantidade da electricidade renovábel adicional necesaria para deixarmos de consumir canto antes en Galicia gas fósil e produtos petrolíferos, ou ben forzaría a sobredimensionar a capacidade de produción renovábel, fundamentalmente eólica. 

A plataforma Galiza sen Gas está integrada inicialmente por Amigas da Terra, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Ecoar Global, Federación galega de Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) e Verdegaia.