Nace na Costa da Morte a plataforma veciñal 'Vendaval' contra as "ameazas de proxectos eólicos"

Integrantes da plataforma 'Vendaval'.
Desde o colectivo defenden que están "a favor das renovábeis", mais sempre que a planificación do desenvolvemento eólico sexa "con criterios de utilidade de beneficio público, social e económico".

Nos concellos que abrangue a Costa da Morte están operativos na actualidade 24 parques eólicos, e en diferentes fases de tramitación preséntase outra vintena de proxectos neste mesmo territorio.

Aliás, e malia que o 1 de xaneiro de 2022 entrou en vigor unha moratoria a novas propostas de instalacións eólicas que se estenderá até xullo de 2023, no que vai de ano comezaron tramitarse até 56 proxectos no conxunto da Galiza, o que está a provocar unha forte contestación social.

Neste contexto é que vén de nacer a plataforma 'Vendaval' da Costa da Morte, constituída por veciñanza de diferentes municipios deste territorio, albo da enerxía eólica na Galiza, o pasado 23 de setembro en Ameixenda (Cee).

"O noso obxectivo fundamental é protexer zonas de especial sensibilidade como Banle ou San Pedro Mártir e preservar territorios virxes de viraventos como os concellos de Fisterra, Corcubión e Cee", sinala o colectivo, nun comunicado difundido esta cuarta feira.

Deste modo, a veciñanza pretende que 'Vendaval' sexa "un vento a favor" que "arrastre os intereses especuladores que hai detrás destes proxectos", que identifican como "polígonos industriais" que "hipotecan" o futuro da comarca.

Desde a plataforma, con todo, salientan que están "a favor das enerxías renovábeis e das comunidades enerxéticas", mais co condicionante de que a planificación do desenvolvemento eólico sexa "con criterios de utilidade de beneficio público, social e económico", sustentados sobre "un escrupuloso respecto ao medio ambiente".

'Vendaval' está a traballar na elaboración dun manifesto coas súas demandas que fará público en próximas datas e entregará en todos os concellos da Costa da Morte.