Luis Quintas

“Na TVG ocúltase a parte da realidade de Galiza que non satisfai a egolatría do goberno”

Luis Quintas

Falamos con Luis Quintas, o xornalista da TVG que pediu amparo ao comité de empresa ao retirarse dunha noticia que el elaborou aquelas partes críticas coa Xunta. Quintas vai cumprir 30 anos como profesional na compañía pública e defende que “os xornalistas temos que ser aliados da sociedade, máis aínda se traballamos nun medio público”.

“Calquera que vexa os informativos da Televisión de Galiza pode ver que estes non van asinados por ninguén. Non figura nin editor, nin director... Iso é unha anomalía, até o informativo da canle máis pequena pon esas cousas. Nos da TVG, non. Que cada quen tire as súas conclusións mais iso quere dicir moito. Pode ter moitas intepretacións mais ningunha delas é boa”. Falamos con Luis Quintas ao remate da súa xornada laboral na TVG, unha casa na que está a piques de facer 30 anos como profesional. El é o redactor que solicitou o amparo do comité de empresa após que nun informativo da tarde da Televisión de Galicia, denuncia, emitiran unha noticia “premeditadamente recortada” – en palabras do Comité- para eliminar partes que si apareceran na edición do mediodía e que eran críticas co goberno galego

- Pediches amparo ante o que denuncias que é unha ‘mutilación’ dunha noticia feita por ti e que se emitiu nun dos informativos sen as partes críticas coa Xunta.

Mutilaron a noticia que estaba completa e difundírona coa miña voz e así, mutilada, na edición da tarde dos informativos, sacando unha parte da peza. Non sacaron calquera, claro, sacaron aquela que era crítica co goberno. Nela, un técnico explicaba por que non tiñan esperanzas de que unha investigación que acababa de facer a USC sobre a ostra prosperara en Galiza. Falaba de que se crearan varias empresas para ter cría de ostra nacida en Galiza e que, porén, desde a Xunta preferían mercar esa cría fóra.

- É a túa primeira vez?

- Non, xa me pasou hai uns anos, cunha información sobre o paro. Os datos da evolución do desemprego en Galiza eran malos comparados co resto do estado e quitáronos. Pensei que ese tipo de prácticas ficaran eliminadas mais xa se ve que non.

Ten que haber un mínimo respecto profesional (...) que non empreguen a miña voz para contar o que a eles lle convén e deixar sen contar o que non lles interesa.

- Este tipo de casos son feitos illados ou ben deberiamos preocuparnos seriamente porque son moito máis habituais do que se podería pensar?

- Calquera espectador minimamente crítico que vexa a TVG poderá sacar as súas propias conclusións, é doado ver que as perspectivas críticas co goberno non abundan, por dicilo dalgunha maneira. E non é porque non as haxa ou non se produzan. Mesmo hai entrevistados ou persoas ás que acodes para completar unha información que xa che din “total, o que vos diga non o ideas emitir”. Desgraciadamente non é a primeira nin a segunda vez que acontece.

Ten que haber un mínimo respecto profesional. Se fas unha peza e non lle gustan como a fixen, pois aí está o material bruto e que a elaboren como lles pete, mais que non empreguen a miña voz para contar o que a eles lle convén e deixar sen contar o que non lles interesa.

- No comunicado emitido polo Comité falaban de que este tipo de situacións danse con moita frecuencia. Por que, entón, non hai máis denuncias ou máis reaccións?

- Porque na TVG tamén hai emprego que non é estábel, porque cada quen ten o seu concepto do que é a dignidade profesional e o respecto polo seu traballo. Eu creo que hai que denunciar tamén para que te respecten profesionalmente, se tragas con todo acabas sendo un ‘pepele’ e non sendo o que temos que ser, servidores da cidadanía, que ao fin e ao cabo é quen nos paga. Somos unha empresa pública ao servizo de todos e non ao servizo do goberno de turno.

- Cando se produce unha situación así, como se recibe e afronta?

- Son cousas que xeran desacougo. Ti traballas coa esperanza de que cambien as cousas e ser algún día un medio de referencia informativa para a cidadanía, e ves que iso fica lonxe. Cando se denuncian este tipo de situacións fórmase un balbordo e semella que é a primeira vez que acontecen e non é así.

Na TVG houbo unha etapa na que creo que se traballaba con máis liberdade e respectando os profesionais da casa. Ultimamente creo que hai demasiada ‘chafallada’

- Este 2017 fas 30 anos na TVG. A censura, o control ou manipulación son algo que houbo sempre na canle ou é algo característico destes últimos anos?

- Houbo unha etapa na que creo que se traballaba con máis liberdade e respectando os profesionais da casa. Ultimamente creo que hai demasiada ‘chafallada’. E estes anos pode que sexan os peores da TVG neste sentido.  É moi triste. A utilización partidista dos medios...  O director xeral é elixido polo partido que goberna e non por unha maioría cualificada do Parlamento, como pedimos a través dunha ILP anos atrás, unha iniciativa lexislativa popular que a maioría do PP tombou.

- Desde os profesionais demándase a posta en andamento dun Consello de Informativos. Serviría isto para cambiar a situación?

- Pois non sei. Si que sería un órgano que polo menos canalizaría as protestas que se desen, as denuncias terían máis contundencia. Mais teño certas dúbidas, tal e como funcionan as cousas alí. Non serían a solución total a estes problemas.

- Consideras que un espectador que vexa a TVG, nomeadamente os informativos, terá unha imaxe veraz de cal é a realidade de Galiza?

Creo que a resposta é obvia. Cóntannos unha parte, a bonita, e ás veces exaxeradamente bonita e ocúltase esa outra parte da realidade, que non vai ben contar porque non satisfai a egolatría dos gobernantes.

Desde o momento en que ocultas cousas, como medio estás a facer unha fraude á sociedade á que pertences

- A través de que mecanismos se exercen no seo da TVG esas situacións de control, censura ou manipulación?

Iso habería que preguntarllo aos que están na cociña dos informativos (ri). Os que traballamos na redacción traballamos practicamente por encarga. Dinche: vas facer isto, vas facer aquilo e ti falo o mellor que podes. Os criterios que teñen para facer as escaletas ou seleccionar as noticias, enfocalas dun xeito ou doutro, dar unhas de pasada e afondar noutras, todo iso son estratexias. Estratexias que non son xornalísticas. Os xornalistas temos que ser aliados da sociedade, máis aínda se traballamos nun medio público. Debémonos á pluralidade da sociedade galega e non só á parroquia dos que gobernan. Desde o momento en que ocultas cousas, como medio estás a facer unha fraude á sociedade á que pertences.