Redactor da TVG pide amparo pola emisión dunha noticia súa manipulada para que non saísen críticas á Xunta

Denúnciao o comité de empresa da CRTVG. “Eliminaron as críticas á Xunta e un parágrafo da información” na peza que fixo falando con expertos sobre o cultivo de ostras na Galiza.

O comité de empresa de CRTVG denuncia que o pasado 6 de marzo no programa ‘Galicia Serán’ da Televisión de Galicia emitiron unha noticia “premeditadamente recortada” para eliminar partes que se emitiran na edición do mediodía, feito polo cal o redactor desa peza lle pide amparo.

“Un redactor de longa traxectoria e recoñecido prestixio elaborou unha peza informativa sobre o cultivo de ostras en Galicia baseado en entrevistas feitas na Universidade de Santiago a un equipo de investigación en acuicultura. Unhas entrevistas que non buscou el senón que, neste caso, llas asignaron a primeira hora da mañá sen tempo para documentarse sobre o tema do que versaban ditas entrevistas. Despois elaborou esta información para o programa Galicia Noticias Mediodía"

Porén, a edición da tarde, Galicia Noticias Serán, esa nova ficou “mutilada”, denuncia o comité, “como o mesmo traballador afirma, aínda que mantiveron a súa “voz en off”. Con esa manobra, sosteñen, quíxose evitar que os espectadores “puideran escoitar a declaración dun técnico que criticaba a actitude do goberno autonómico na cría e cultivo de moluscos en Galicia”. O técnico afirmaba que a Xunta está desaparecida na atención a explicaba o porqué en 22 segundos de intervención.

Aliás, e sempre segundo a denuncia do comité, tamén suprimiron o parágrafo final da noticia, que dicía:  "Este especialista en cultivo de moluscos afirma que á Xunta non lle interesa aumentar a produción destas especies e lembra que nas depuradoras galegas predomina o marisco foráneo".

Este tipo de situacións “danse todos os días na redacción”. Dende o Comité de San Marcos esixen que cesen “as prácticas de manipulación e a posta en marcha inmediata do Consello de Informativos comprometido na Lei de Medios”.