Exclusiva de Nós Diario

A Consellaría de Sanidade falsea as listas de agarda das cirurxías: as cifras reais superan en 36% as oficiais

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e Alfonso Rueda, nunha visita ao hospital de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)
O Defensor do Paciente advertía a finais de xaneiro que as listas de agarda na sanidade pública galega están "manipuladas". Os últimos datos oficiais son de xuño de 2023, mais Nós Diario vén de ter acceso a documentación relativa á área sanitaria de Vigo que evidencia o denunciado polo Defensor do Paciente. A agarda real para unha cirurxía supera, de media, nun 36% a agarda "oficial".

A sanidade é a segunda preocupación das galegas e galegos, tras o desemprego. Así o revelou a enquisa preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). Mais non é necesaria unha sondaxe para decatarse do impacto dos recortes acometidos na sanidade pública ao longo dos últimos anos. Calquera persoa usuaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas) é consciente dunha perda da calidade asistencial que se percibe, sobre todo, nas esperas.

No que respecta ás intervencións cirúrxicas, o Decreto 105/2017, de 28 de setembro, polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas recolle como prazo máximo de espera 60 días naturais para as operacións programadas e non urxentes, entre as que se atopa un cento de casos recollidos no anexo I da citada norma, entre eles cirurxías de cancro e de patoloxías cardíacas e vasculares.

As últimas listas de agarda oficiais datan de xuño de 2023. Os datos do primeiro semestre de 2023 cifran en 44.410 as persoas pendentes dunha cirurxía no conxunto das sete áreas sanitarias galegas. Un dato que aumenta a 47.046 de sumar a agarda de pacientes adscritas ao hospital privado Povisa, de Vigo, que mantén un concerto coa Xunta da Galiza.

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, centro en que se desenvolven as intervencións cirúrxicas nesta área sanitaria, contaba a 30 de xuño de 2023 cunha lista de agarda de 8.549 pacientes. Unha cifra que, segundo a documentación interna do Sergas á que tivo acceso Nós Diario, queda curta. 

Así, o Álvaro Cunqueiro fechou 2023 cunha espera cirúrxica real un 36% maior que a oficial. Con datos do 1 de xaneiro de 2024, eran máis de 13.290 as persoas que agardaban por unha operación no hospital vigués, un dos que presenta un mellor comportamento a nivel de prestacións asistenciais e de espera, de maneira que os datos a nivel nacional superarían ese desfase de máis de 36% entre a agarda "oficial" e a real.

Hai persoas que agardan a seren operadas desde 2020

Os datos do Sergas aos que accedeu Nós Diario reflicten que hai pacientes que esperan desde 2020 por unha intervención cirúrxica na área sanitaria de Vigo. Son un total de 7 as persoas usuarias que recolle a lista real e que agardan desde hai catro anos por unha operación. 

A cifra elévase a 182 no caso das usuarias e usuarios que agardan por unha cirurxía desde 2021 e a 1.266 as que o fan desde 2022. Por último, as persoas que a 1 de xaneiro de 2024 agardaban por unha operación desde o ano anterior, 2023, ascenden a 11.838.

Estas cifras demostran que a Lei 12/2013, de 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias e mais o decreto que regula os tempos máximos de espera son incumpridos de maneira reiterada.

A Consellaría forza o desprazamento entre áreas 

No seu informe de 2023, o Defensor do Paciente alertaba do "modus operandi" que "vai pór en marcha a Xunta" para "reducir" as listas de agarda. Unha práctica que, segundo os datos aos que tivo acceso Nós Diario, xa está a desenvolverse. Ese "modus operandi" do que advirte do Defensor do Paciente consiste en excluír das listas de agarda oficiais as persoas usuarias da sanidade pública que "rexeitan ser intervidas en hospitais de zonas distintas ás que lles 
corresponde". 

"Pacientes de Ourense, por exemplo, están a ser derivados a outras áreas sanitarias para seren operados de especialidades coas que o CHUO [Complexo Hospitalario Universitario de Ourense] conta, e isto está acontecendo noutros lugares", explican a Nós Diario fontes do Sergas.

"Quen renuncia a ser desprazada da súa área para operarse resulta penalizada"

O Defensor do Paciente advirte do agravante que este desprazamento de pacientes do Sergas comporta tanto para as propias persoas doentes como para os seus familiares e acompañantes, que "deberán asumir os gastos de transporte e estancia fóra das localidades onde residen". 

Penalizacións

Fontes do Sergas poñen de manifesto que a penalización por desbotar unha intervención cirúrxica nun hospital dunha área sanitaria diferente á área sanitaria de referencia é "menor" que a penalización que implica a renuncia a someterse a unha intervención cirúrxica na sanidade privada a través dos concertos que a Consellaría mantén con empresas privadas. 

As persoas que desbotan ser intervidas na sanidade privada desaparecen da lista oficial

"Existen dúas circunstancias polas cales un usuario do Sergas pasa a facer parte da polémica lista non estrutural, o que significa deixar de contar de maneira oficial nas listaxes de agarda. Unha é renunciar a unha operación nun hospital que non pertenza á súa propia área sanitaria. Imaxina un paciente de Ferrol que desbota a oferta de operarse no hospital público de Burela. Outra é renunciar a ser operado nun hospital privado", sinalan as fontes. "No caso de que o paciente non queira desprazarse a outra área sanitaria, a estadía na lista de espera non estrutural, que é unha especie de limbo, vai ser menor que no caso dos pacientes que rexeitan seren intervidos en hospitais privados", agregan estas fontes. De feito, Nós Diario facíase eco o pasado 31 de xaneiro do caso de M. L., un veciño de Ferrol que tivo que esperar máis de 430 días por unha operación de cataratas. A M. L. ofrecéranlle ser intervido no hospital privado Juan Cardona e, tras desbotar a proposta, desapareceu das listaxes de agarda oficiais.

As polémicas listas non estruturais

O Defensor do Paciente afirmaba no seu informe publicado a finais de xaneiro que as listas de agarda na sanidade pública galega están "manipuladas", pola existencia das listas non estruturais, nas que, tal e como ten advertido a Valedora do Pobo, non resulta de aplicación o tempo de espera máximo estipulado legalmente para a realización dunha cirurxía.

As autoridades sanitarias néganse a facer públicas esas listaxes. Só as desvelaron en 2009, en resposta a unha petición do Consello de Contas, ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego. Nese momento, as listas estruturais rexistraban 39.170 persoas á espera dunha operación e nas non estruturais figuraban 16.947, algo máis do 30% do total de pacientes á agarda dunha intervención cirúrxica.

Nós Diario dirixiuse ao Gabinete de Comunicación da Consellaría para coñecer cantas persoas levan agardando por unha cirurxía desde hai máis de un ano; cantas persoas foron derivadas entre áreas sanitarias para seren operadas de especialidades das que dispuñan os seus hospitais de referencia e cando prevén facer públicas as listas de agarda de cirurxía referidas ao segundo semestre de 2023. Cinco días despois, non enviaron dato ningún.