Sanidade pública

Dous anos de calvario entre a cadeira e o mioma: "É unha vergoña que siga sen cita para operarme"

Placa de febreiro de 2023 que mostra a cadeira de Carmen Santos. (Foto: C. S.)
O relato do "calvario" de Carmen Santos, paciente de Vigo cunha discapacidade do 68% na perna dereita.

Carmen Santos, paciente de 42 anos da área sanitaria de Vigo, cunha discapacidade do 68% na perna dereita, leva máis de un ano atravesando o seu particular calvario. "A miña cadeira leva fóra de sitio desde hai anos e facía tratamentos preventivos, sendo consciente de que nun futuro tería que operarme", relata en conversa con Nós Diario.

Todo se acelerou hai dous anos debido a un mioma hemorráxico que lle provocou unha anemia grave. “Ofrecéronme extirparme o útero ou hormonarme, porque o Sergas non conta con radiofrecuencia para tratar miomas. Tras dúas intervencións locais e dous DIU expulsados, as hormonas, a pesar da dieta estrita que fixen, leváronme a gañar 8 kg e iso prexudicou a miña cadeira xa tocada”, relata.

As soletas para o calzado, de perto de 400 euros e que non cobre o Sergas, e a fisioterapia non foron suficientes para reducir a dor. "En xaneiro de 2023, para evitar a agarda, pedín cita nun traumatólogo privado e díxome que a miña cadeira estaba nas últimas. En agosto, víronme no Sergas e agora estou esperando pola operación, pero xa me advertiron de que calculase un ano", afirma. "A dor e os sangrados polo mioma eran tan fortes que en setembro, por vez primeira na miña vida, tiven que coller unha baixa, porque estaba desfeita física e psicoloxicamente", sinala esta doente.

A través dunhas amigas, soubo dunha clínica en Sevilla na que eliminan miomas de difícil tratamento, cunha técnica de radiofrecuencia e sen complicacións. "Fun alá, tirando dos meus aforros, porque na Galiza non existe este instrumental de radiofrecuencia que ofrecen na carteira sanitaria pública outras comunidades autónomas", explica Carmen, que desde novembro non volveu sufrir sangrados, "o mioma desapareceu".

Agora conta os días que lle quedan para o TAC do 1 de marzo e para a cita co traumatólogo o 5 de marzo, "non aguanto a dor nin coas soletas, nin con fisioterapia nin farta de calmantes e antiinflamatorios"

Quere que casos como o dela se coñezan para denunciar o estado da sanidade pública "tras anos de recortes practicados polos Gobernos do PP". "É unha vergoña que, coa cadeira neste estado, siga sen cita para operarme e que, en lugar de gastar en medicación, Sanidade non valore a compra do instrumental de radiofrecuencia para os miomas", conclúe.