Muxía, de novo sen pediatra: "Aquí a cativada non pode enfermar?"

Centro de saúde de Muxía (Foto: Google Maps).
Convocan unha manifestación contra os recortes sanitarios en Muxía e Dumbría, que comparten pediatra, para este sábado, 12 de febreiro.

O colectivo Pediatras e matronas xa! convoca unha manifestación este sábado en Muxía —fronte ao centro de saúde, ás 12 horas— para protestar contra a falta de persoal neste municipio.

"Outra vez sen pediatra. Os centros de saúde de Muxía e Dumbría comparten un puericultor para atender a cativada", lamenta, a través dun comunicado.

O servizo de pediatría, afirma, "apenas existiu realmente" nos últimos meses: "Entre xaneiro de 2021 e febreiro de 2022 este servizo non existiu durante máis de seis meses", polo que a ausencia do servizo na actualidade "non é algo puntual".

De feito, aconteceu en múltiples ocasións, segundo esta organización, "desde un mes até catro meses seguidos durante o ano 2021". E no exercicio actual, denuncia, "seguimos empeorando, coa ausencia de pediatra en xaneiro e agora de novo en febreiro".

"En Muxía e Dumbría as nenas e nenos non poden enfermar? Non poden ter revisións nin vacinas? A solución é seren atendidos nas Urxencias do hospital?", cuestionan desde Pediatras e matronas xa!.

A pasada semana, un pai residente en Muxía iniciou unha peregrinación desde Sarria até Compostela para protestar contra a falta de persoal no servizo de pediatría e de matronas que sofren moitos concellos do país, nomeadamente este municipio.

Outras mobilizacións

Esta convocatoria prodúcese nunha semana especialmente axitada no eido sanitario. Esta quinta feira a sociedade saíu á rúa en Lugo e Salvaterra para protestar contra os recortes, e na cuarta Tui fixo o propio.

Aliás, este domingo, día 13, SOS Sanidade Pública e A Voz da Sanidade convocan senllas marchas a partir das 11 horas desde Moaña —Casa do Mar— e Cangas —centro de saúde— para atopárense na metade do camiño e denunciar publicamente a situación da sanidade nestes concellos.