Músicas ao Vivo nega “agresións verbais” a traballadoras da CRTVG nos Martín Códax

“Perplexidade” e “incredulidade” da asociación organizadora da gala ante as acusacións do director xeral dos medios públicos galegos, Sánchez Izquierdo.

O director xeral da CRTVG, Sánchez Izquierdo, falou en sede parlamentar de “humillación pública” e “agresións verbais” durante a Gala dos premios Martín Códax a dúas traballadoras da CRTVG. “Nin a organización do evento ou os seus patrocinadores comerciais se dirixiran a ningunha destas profesionais para aclarar o sucedido e pedir disculpas”, remarcou o responsábel dos medios públicos galegos para enfatizar una denuncia perante a cal os organizadores do evento, Músicas ao Vivo (MAV), afirman estar “perplexos”.

 

Así o manifestan nun comunicado co que queren retrucar a esas afirmacións por parte de Sánchez Izquierdo. Músicas ao Vivo nega a maior: “En ningún momento se produciron tales agresión verbais cara as traballadoras da CRTVG que actuaron de representantes do ente público". Indican entón que se o director xeral se refire con esas cualificacións –“agresións”, “humillación”-  ás declaracións feitas por algún dos premiados no momento de recoller o premio ou ás palabras pronunciadas pola directiva de Músicas Ao Vivo reclamando uns medios públicos de calidade, “debemos dicir que nós chamámoslle liberdade de expresión”. 

 

Afirman, así mesmo, que esa liberdade tamén amparou as traballadoras da CRTVG ás que se cita (Tania Lombao, xefa de programas da Radio Galega, e María Solar, coordinadora de cultura da CRTVG) cando pasaron a recoller o premio obtido para o programa Diario Cultural “e puideron pronunciar os seus discursos, que foron ademais os máis longos da gala, con total normalidade”.

 

“Non podemos pedir desculpas por algo que non pasou e que, ademais, en ningún caso nos foi comunicado fóra das súas declaracións. Se estas dúas traballadoras consideran que tiveron algún tipo de problema ese día, rogamos que se poñan en contacto con nós e nolo fagan saber, porque desde logo alí, no transcurso da gala que todas e todos vivimos con ilusión esa noite, non houbo tal humillación pública”.

 

MAV, para finalizar, indican que se posicionan “xunto as traballadoras e traballadores da CRTVG que cada semana, venres a venres, loitan para conseguir uns medios obxectivos e de calidade, fuxindo de intereses individualistas ou políticos, e rexeitamos contundentemente as ameazas ás que son constantemente sometidos e sometidas por parte da dirección do ente público”.