Acusan a CRTVG de ocultar a gala dos Premios Martín Códax da música polas críticas á dirección

Sonia Lebedynski

A sección sindical da CIG na CRTVG acusa a dirección do ente público de exercer a manipulación e a ocultación da gala dos VI Premios da Música Martín Códax debido ás críticas pronunciadas por premiadas e premiados durante o evento.

“A dirección da CRTVG segue na súa liña de manipulación e ocultación”, advirte a Sección Sindical da CIG na súa páxina de Facebook, que denuncia, “agora esconden a gala de premios da música, emitíndoa en horarios minoritarios na segunda canle”. Refírense á gala dos VI Premios da Música Martín Códax, que decorreu o 9 de maio.

 

A CIG advirte de que “nin sequera a subiron a web onde están as galas dos pasados anos”, o que ve como “unha nova manobra burda e ridícula na que amosa o seu estilo manipulador e servilista, tentando agochar toda crítica e protesta contra as políticas progorbernamentais e faldeiras desta dirección”.

 

O sindicato tamén lembra que a CRTVG non informou dos premios José Couso “nos que se recoñecía aos traballadores da CRTVG a súa loita contra a manipulación e na defensa da liberdade de expresión a través da plataforma Defende a Galega”.

 

Intervencións a favor de #DefendeAGalega

 

Na gala pronunciáronse a favor do movemento Defende A Galega a presidenta de Músicas ao Vivo, Sonia Lebedynski, Jasper, de Nao, e o cantante Toni Lomba. Lebedynski apuntou na súa intervención a necesidade de contar con medios públicos “para chegar con forza a todas as capas da sociedade” e apostou en concederlle á música “o prestixio que merece”.

 

“O talento musical é indiscutíbel, pero é necesario chegar dun xeito máis directo para a creación de referentes reais”, expuxo a presidenta de Músicas ao Vivo, quen lamentou que “a inmensa maioría da produción musical galega non acada espazos de promoción e difusión para os seus proxectos”.

 

“Esiximos uns medios de comunicación públicos de calidade e coherentes co seu obxecto social, resumidos no punto tres do seu mandato estatutario, onde se reflicte o compromiso coa difusión da cultura e da identidade de Galiza”, expresou Lebedynski, quen salientou que “esta directiva Defende a Galega”.

 

Cunha camisola do movemento das traballadoras e traballadores en defensa duns medios públicos, a presidenta de Músicas ao Vivo agradeceu o esforzo de quen se ocupa de “dignificar a liberdade de información”. “Negarse ante a evidencia perpetúa a indignación e renova as enerxías para seguir demandando uns medios públicos libres de inxerencias do poder”. “Queremos uns medios independentes, veraces e críticos”, concluíu.

 

Jasper: “Estamos con #DefendeAGalega e cos #VenresNegros

 

Jasper, vocalista de Nao, subiu ao palco coa camisola de #DefendeAGalega na man. “Aproveitando que están Tania Lombao [xefa de programas da CRTVG] e María Solar [coordinadora de Cultura da CRTVG] traemos esta camisola que sei que non lle gusta á dirección da CRTVG”, sinalou Jasper, que criticou a TVG por non transmitir en directo a propia gala nin a da entrega dos Premios María Casares.

 

“O Goberno galego do PP non lle quere á cultura e moito menos á disidencia política e ao debate”, advertiu. Rematou a súa intervención de agradecemento do premio a Nao lembrando que “estamos coa plataforma Defende A Galega e cos Venres Negros”.

 

O cantante Toni Lomba tamén aludiu á “xente que está loitando por propagar concertos nosos e a quen non se lles deixan sacar camisolas coas que sinalan que non se están facendo as cousas ben”. “Esa xente traballa nos medios de comunicación, levan o premio José Couso e non lles permiten levar a camisola de Defende a Galega”.