A munición de chumbo, prohibida desde hoxe nas zonas húmidas

Entre 4.000 e 5.000 toneladas de chumbo vértense á natureza no conxunto da UE cada ano. (Foto: Nós Diario)
Ecoloxistas instan a estender a prohibición do chumbo a outros ámbitos alén da caza por mor da súa alta toxicidade.

Esta cuarta feira, día 15, entra en vigor a prohibición de empregar munición de chumbo para cazar nas zonas húmidas dos Vinte e sete países da Unión Europea e mais Islandia, Liechtenstein e Noruega. No Estado español xa non se podían utilizar estas balas nos humidais que gozan dun réxime de protección —só seis na Galiza de entre máis dun milleiro—, mais agora deberá estenderse a norma a todos eles, á marxe de se están protexidos legalmente pola Administración ou non.

E, ante esta importante mudanza, a organización SEO/BirdLife insta o Goberno estatal e as comunidades autónomas a velaren polo cumprimento desta prohibición, que, segundo as estimacións da UE, permitirá salvar arredor dun millón de aves acuáticas ao ano na UE. Os animalistan avisan as comunidades autónomas, que son as encargadas de controlar o cumprimento da norma, de que deben asegurar un "eficaz" sistema de seguimento.

O chumbo utilizouse en municións e aparellos de pesca durante décadas, a pesar de toda a información existente sobre o significativo impacto que ten nos seres humanos, a vida silvestre e os ecosistemas en xeral. A caza con munición de chumbo xera unha choiva de perdigóns que se dispensan polo ar até caer e depositarse no chan e no fondo das zonas húmidas, tornando nun potente axente de contaminación na natureza.

Segundo datos desta ONG, entre 4.000 e 5.000 toneladas de chumbo vértense á natureza no conxunto da UE cada ano e estes perdigóns son inxeridos comunmente por aves acuáticas como cisnes, flamencos, patos e gansos, que as confunden coas pedriñas que utilizan para facilitar a dixestión das duras sementes que comen.

A directora executiva de SEO/BirdLife, Asunción Ruiz, celebra este "paso importante" mais advirte que "non é o último" que ha de darse neste ámbito, xa que os proxectís de chumbo séguense empregando fóra dos humidais, a pesar de que existen alternativas a esta munición. Así, lembra que a toxicidade do chumbo está amplamente demostrada cientificamente e, engade que, de feito, a Axencia Europea de Substancias e Preparados Químicos, á vista dos riscos para a saúde e para a natureza, impulsou un debate na UE para ampliar as restricións de uso do chumbo e mesmo a súa prohibición total.

Pola súa parte, a responsábel de Programas de Conservación de SEO/BirdLife, Ana Carricondo, destaca que a ONG traballou desde hai décadas para que o chumbo desapareza do medio ambiente, xa que a súa presenza tamén perdura durante décadas. En concreto, expón que un dos exemplos máis paradigmáticos é o cerro dos Ánsares no parque nacional de Doñana (Andalucía), onde se concentraba moita actividade cinexética até os anos 80. A día de hoxe, máis de 30 anos despois, voluntarias e voluntarios desta entidade seguen extraendo centos de balíns de chumbo que seguen intoxicando os ánsares que acoden cada primavera a este refuxio natural.

Finalmente, a responsábel de políticas de natureza de BirdLife Europe, Bárbara Herrero, valorou que a escala europea, onde as restricións do Estado español ou Grecia eran a excepción, trátase dun importante avance. "A pesar de que hai varias décadas xa se prohibira o chumbo en pinturas, pilas, lapis e practicamente todo o demais, seguiuse permitindo que envenene a nosa contorna común, mesmo cando existen alternativas. Con esta prohibición, a UE abordou unha parte importante do problema. Agora pedimos aos países da UE que velen polo cumprimento da prohibición", reclamou.