Multitudinaria mobilización en Compostela para defender a Atención Primaria

A praza da Quintana encheuse de manifestantes que acudiron á convocatoria de SOS Sanidade Pública (Riobó Prada).

Milleiros de persoas procedentes de toda Galiza acudiron este domingo a Compostela para “salvar a Atención Primaria” na Galiza e reclamar “máis persoal” e “máis orzamento” á Xunta da Galiza para este servizo tan esencial.

A convocatoria, realizada pola plataforma SOS Sanidade Pública, partiu da Alameda compostelá ás 12 horas e percorreu as rúas da capital galega até rematar na praza da Quintana.

Polo camiño as e os manifestantes berraron consignas como “Goberne quen goberne, a sanidade non se vende”, “Sanidade pública e de calidade”, “O público é servizo, o privado beneficio”, “Feixoo, atende,  a sanidade non se vende” ou “Feixoo escoita, a sanidade está en loita”. Pasadas as 13.30 horas ocupaban a totalidade da histórica praza onde a Plataforma deu lectura a un manifesto.

Antes do inicio da mobilización, o portavoz de SOS Sanidade, Manuel Martínez, insistiu nos motivos que fundamentan esta protesta. "A Atención Primaria despois da pandemia está nunha situación lamentábel", asegurou e puxo como exemplos que as listas de agarda “superan os 10 días nos centros de saúde".

Continúan as citas telefónicas

Martínez criticou que malia o que asegurou o Sergas "as consultas seguen a ser fundamentalmente telefónicas" e como consecuencia disto "pérdese gran parte da relación que existe entre profesional médico e paciente".

Alén diso, o portavoz de SOS Sanidade Pública rexeitou que os pacientes teñan que esperar fóra dos centros de saúde porque "non parece moi digno" nesta situación “na poden entrar os clientes en bares e restaurantes coas medidas sanitarias oportunas”.

Salvar a Atención Primaria

No manifesto, lembraron que “antes da pandemia da Covid-19 a Atención Primaria xa atravesaba unha profunda crise estrutural”. Sinalaron o “déficit de profesionais pola falta de adecuación dos cadros de persoal as necesidades poboacionais” froito dos “recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do PP” que se constatan, na actualidade, en que os orzamentos na Atención Primaria “apenas supoñen o 12 % do orzamento sanitario total”.

Denunciaron no documento que durante a pandemia, en Atención Primaria  “priorizouse a atención telefónica sobre a presencial o que impediu o acceso dos pacientes aos centros sanitarios e reduciuse a ocupación das salas de agarda obrigando aos pacientes a facer cola fóra dos centros de saúde” ademais de “suspenderse a realización de probas e controles de saúde periódicos, sobre todo en pacientes con patoloxías crónicas”.

Desde SOS Sanidade Pública alertaron de que estas medidas fixeron que “hoxe teñamos agardas de máis de 10-12 días para recibir atención médica de forma telefónica no Centro de saúde, que poden chegar a un mes para unha consulta presencial”.

A Plataforma exixiu “recuperar a atención presencial e o acceso aos centros o antes posíbel, para evitar  un maior deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde da poboación”.

Demandan reverter esta situación

Coa intención de reverter esta situación, SOS Sanidade Pública demandou “a apertura dos Centros de Saúde, con consultas 100% presenciais como única maneira de garantir a igualdade de oportunidades á poboación, nun entorno seguro que manteña as medidas hixiénicas e sanitarias: máscaras e distancia de seguridade” ademais de reabrir “todos os Consultorios existentes e que foron fechados pola pandemia”.

No apartado da accesibilidade urxiron a “rematar coas listas de agarda, co desdobramento das consultas e o incremento de persoal para a súa atención” e a incrementar de maneira urxente o orzamento sanitario destinado a Atención Primaria. “O obxectivo seria acadar o 25% do presuposto en 5 anos”, indicaron no documento.

Por último exixiron ao Sergas  e o Goberno galego “repoñer a Xerencia de Atención Primaria que eliminaron, como forma de organización especifica da área e con presuposto propio e non dependente do hospital de referencia”.

Representación política

Esta convocatoria contou con representación política da oposición galega como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o secretario xeral electo do PSdeG, Valentín González Formoso, e o portavoz parlamentario socialista, Gonzalo Caballero, entre outros.

A líder nacionalista instou ao presidente da Xunta a "rectificar" os recortes en sanidade pública e a pór en marcha unha estratexia que lle forza ao "corazón do sistema, que é a Atención Primaria".

Para Pontón, o responsábel da "grave situación na que se atopa o sistema sanitario público galego" é Núñez Feixoo, que "non aprendeu das leccións da pandemia" e que "está a utilizar esta crise sanitaria para darlle unha volta de torca aos recortes na sanidade pública".

"Cando rectifica, acerta", aseverou Pontón sobre o presidente, e engadiu ademais que "é posible facelo" se se convocan as prazas vacantes no Sergas ou se se recuperan as xerencias eliminadas, entre outras cuestións.

Pola súa banda, o novo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou a actuación do Executivo autonómico no "momento máis difícil para a sociedade, en plena pandemia". "Con 1.000 médicos menos que en 2009, xa é hora de que os orzamentos da Xunta permitan dotar á sanidade do persoal suficiente para recuperar o 100% da presencialidade", sinalou.

Sobre a presencialidade, o secretario xeral do PSdeG non entende "que poidan estar miles de persoas en polideportivos ou campos de fútbol pero haxa dificultades para entrar nun centro de saúde".

Ademais participaron numerosas alcaldesas e alcaldes para amosar o seu apoio a esta mobilización.