A Plataforma SOS Sanidade Pública convoca para esta cuarta feira concentracións en diversas áreas sanitarias concentracións baixco o lema “Acabemos coa corrupción sanitaria do PP” para denunciar o desmantelamento e privatización da sanidade galega. Ramón Veras, médico e portavoz da plataforma na Coruña, lembra que ao longo de todos estes anos o goberno de Feixóo apostou “nunha estratexia de privatizar paso a paso”, o que nos deixa nun escenario “cun nivel de concertación coa privada moi alto”. E pon o exemplo do acordo por catro anos con tres hospitais privados (Quirón, HM Hospitais e, no caso da Coruña, con S.Rafael) polo que a Xunta desembolsará só na área sanitaria da Coruña case 98 millóns de euros, “aos que engadir unha salvagarda de 25 millóns”.
Tamén desde a área de Santiago da plataforma SOS Sanidade Pública denuncian a situación. O seu portavoz, Manuel Martín, denunciou en roda de prensa que hai todo un conxunto de medidas “dirixidas a favorecer multinacionais e persoas afíns”. A Plataforma ten claro que “hai unha estratexia para poñer a sanidade galega en mans de empresas privadas multinacionais” e que iso leva a que “multinacionais estean desembarcando masivamente en Galiza atraídas polo negocio sanitario”.
Cartos públicos para a privada
“Foron privatizando o mantemento, a compra e distribución de material sanitario, o servizo de cita previa…tarefas que antes facía o Sergas e agora empresas privadas”, critica Veras Castro. Unha cuestión na que tamén incide Martín, que indica que esa política da Xunta implica que se “transvasen inxentes cantidades de cartos públicos a estas empresas”.
A isto engade SOS sanidade Pública a posta en marcha de medidas de apoio a fundacións como a Ramón Domínguez, para xestionar a investigación biomédica, na que están multinacionais farmacéuticas ou do Clúster de Galiza, onde participa a industria alimentaria e empresas como Pescanova. Ou a participación de multinacionais farmacéuticas na Fundación Xenómica ou a xestión de recursos de alta tecnoloxía do novo hospital de Vigo por parte de Galaria (a antiga MEDTEC).
Ademais, Martin denunciou que “houbo unha serie de decisións dirixidas a trasladar ao sistema privado, sobre todo, a Investigación, o desenvolvemento e a formación do persoal” e chamou especialmente a atención sobre a derivación de cartos públicos a esas multinacionais farmacéuticas que “fan investigación que se proba no sistema público e que se sae ben logo patentan e venden esas empresas privadas”.
Mutuas
Veras Castro tamén pon sobre a mesa outra cuestión a ter en conta na liña de privatización da sanidade pública: “Desgravab 500 euros ás empresas por cada traballador polo que subscriba una póliza sanitaria privada”. Isto é, denuncia, “una barbaridade”.
Manifestación. Ás 20:00 horas
- A Mariña: diante do Hospital da Costa
- A Coruña: no Obelisco
- Santiago: Praza do Toural
- Barbanza: Praza do concello de Ribeira
- Pontevedra: na Peregrina
- Vigo: Fronte o Marco (Rúa Príncipe)