Marcha multitudinaria en Cangas e Moaña para exixir melloras na sanidade

Marcha en Moaña en defensa da sanidade pública (Foto: Diego Seixo)
Milleiros de persoas marchan desde Cangas e Moaña para exixir a mellora dos servizos de saúde na comarca do Morrazo, repoñendo servizos e acabando coa precariedade laboral.

Éxito de participación na manifestación conxunta da veciñanza de Cangas e Moaña, que onte partiron de cadansúa vila para exixir a mellora da Atención Primaria na sanidade pública nestes concellos. O punto de encontro fou en Vilela, fronte ao supermercado Lidl, onde as actrices Mónica Camaño, de Cangas, e María Salgueiro, de Moaña, deron lectura a un manifesto. 

Nel, denunciaron as barreiras de entrada á sanidade privada, que están a favorecer á privatización, o que á súa vez supón a desprotección das persoas con menos recursos. Tamén lembraron que a situación previa á crise da Covid xa presentaba déficit de profesionais polos recurtes orzamentarios practicados polos sucesivos gobernos de Alberto Núñez Feixoo.

Esta situación se viu agravada coa pandemia, pois a atención presencial desapareceu e os controles diminuíron, o que atrasou a diagnose de novas patoloxías.

A veciñanza respondeu ás peticións das entidades convocantes, a Asociación A Voz da Sanidade e a Plataforma pola defensa da Sanidade Pública, co apoio de SOS Galicia e de ambosos concellos, e amosou o seu "enfado e rexeitamento" a todos os recurtes que repercuten na saúde das persoas usuarias e na precariedade laboral das profesionais. 

Lista de peticións

Tamén fixeron oír as súas exixencias, entre as que figuran incluír unha ambulancia de reforzo para o Morrazo, a reapertura do consultorio de O Hío, en Cangas; a volta das urxencias a Moaña, onde, lembran, 2.800 persoas quedaron sen médico o non repoñer as prazas de tarde, e mellorar o servizo de psiquiatría e psicoloxía (teñen un só psiquiatra para Moaña e Cangas, cunha lista de espera de 11 meses), entre outras. 

Na mesma liña, piden acabar coas listas de espera, desdobrando consultas e incrementando o persoal; repoñer a atención pediátrica en Aldán e a quenda de tarde en Cangas, incrementar o orzamento sanitario co obxectivo acabar coa precariedade laboral, así como cubrir as prazas vacantes nos centros de saúde. 

En resumo, como apuntaban as organizacións convocantes, trátase de non consentir que a saúde se convirta nun negocio privado, de aí a importancia de defender o dereito a sanidade pública.