Unha cadea humana de 5 km denuncia “o desmantelamento da sanidade pública” no Barbanza
A cadea une os cinco km entre o Hospital comarcal e o Ambulatorio de Ribeira, nunha nutrida mobilización na que se denunciaron os problemas en Atención primaria e hospitalaria da comarca. Vídeo no interior.
Un dos extremos da cadea humana saíu do Hospital do Barbanza e outro do centro de saúde, para rematar confluíndo na rotonda de Xarás nunha nunha soa cadea humana formada por centos e centos de veciños e veciñas de Ribeira e outras localidades da comarca do Barbanza. A convocante da mobilización, a Plataforma en defensa da sanidade pública do Barbanza, prevía reunir 5.000 persoas.
Cinco quilómetros de cadea humana ao longo dos cales a organización puxo 60 puntos de información e axuda. “Contra o desmantelamento da sanidade pública” foi unha das palabras de orde desta masiva mobilización.
📹 A cadea humana uniu o Hospital comarcal do Barbanza e o Ambulatorio de Ribeira para "defender a sanidade pública" contra "unha xestión centrada nos recortes, en despretixiala, en deteriorala e desmantelala" pic.twitter.com/mdWZ4OBJR6
— Nós Diario (@NosDiario) October 11, 2025
A organización incide en que "sobran motivos" para acudir a esta mobilización, como a falta de persoal e medios ou a situación das listas de espera. Entre as asistentes, o alcalde de Riberia, Luís Pérez, que recibiu o apoio de numerosos presentes.
Representantes da plataforma incidiron nestas semanas en que "hai que ser contundentes na resposta para evitar o desmantelamento dá Sanidade Pública, que está sufrindo unha agresión á conta de beneficiar á Sanidade Privada, algo que vimos padecendo desde hai varios anos".
“Estamos aquí porque estamos fartos, cansos de escusas, porque queremos solucións, porque non imos deixar que nos rouben a nosa Sanidade Pública, pero sobre todo porque estamos dispostos a defender o máis básico, o dereito a unha atención sanitaria pública e de calidade”, indicaban este sábado
A cadea humana é un paso máis na vaga de mobilizacións pola sanidade que se desenvolven desde hai meses nesta comarca, en sitios como Ribeira, Aguiño ou A Pobra do Caramiñal.
"A Sanidade Pública é un dos nosos maiores logros como sociedade, un exemplo para o mundo: un sistema de saúde universal, financiado cos nosos impostos que xera cohesión social e é profundamente democrático”, indícase no manifesto lido ao final do acto.
“Porén, padece unha xestión centrada nos recortes, en despretixiala, en deteriorala e desmantelala infradotándoa de persoal e recursos, con financiación deficitaria. A política de recursos humanos baseada na precariedade contractual, nos salarios indignos e na sobrecarga laboral leva a que moitos profesionais se vexan obrigados a marchar ao extranxeiro onde son máis respectados e valorados”. O manifesto fai un percorrido polos recortes sanitarios nos diversos concellos da comarca, así como o impacto que estes teñen sobre a poboación.
A Plataforma tamén expresou as demandas que fan á Consellaría: "A cobertura inmediata e permanente das prazas de profesionais sanitarios nos centros de Atención Primaria da Comarca da Barbanza. Cada persoa debe ter un médico ou médica de familia asignado. Transparencia e publicidade dos tempos reais de agarda para todas as segundas ou sucesivas consultas co especialista ou probas diagnósticas derivadas das mesmas. Un plan de choque para reducir os tempos de espera das segundas consultas co especialista e as probas diagnósticas derivadas das mesmas dentro do sistema público, a niveis asumíbeis e dignos".