“As multinacionais están a desembarcar en Galiza atraídas polo negocio da sanidade pública”

Imaxe: Xunta

Esta cuarta feira hai convocadas en distintas áreas sanitarias concentracións de SOS Sanidade Pública contra o desmantelamento e privatización do sistema de saúde galego. Como último paso nesta liña do goberno Feixóo denuncian o acordo para concertar coa privada durante catro anos actividades de consulta, cirurxía, probas diagnósticas…

A Plataforma SOS Sanidade Pública convoca para esta cuarta feira concentracións en diversas áreas sanitarias concentracións baixco o lema “Acabemos coa corrupción sanitaria do PP” para denunciar o desmantelamento e privatización da sanidade galega. Ramón Veras, médico e portavoz da plataforma na Coruña, lembra que ao longo de todos estes anos o goberno de Feixóo apostou “nunha estratexia de privatizar paso a paso”, o que nos deixa nun escenario “cun nivel de concertación coa privada moi alto”. E pon o exemplo do acordo por catro anos con tres hospitais privados (Quirón, HM Hospitais e, no caso da Coruña, con S.Rafael) polo que a Xunta desembolsará só na área sanitaria da Coruña case 98 millóns de euros, “aos que engadir unha salvagarda de 25 millóns”.

 

Tamén desde a área de Santiago da plataforma SOS Sanidade Pública denuncian a situación. O seu portavoz, Manuel Martín, denunciou en roda de prensa que hai todo un conxunto de medidas “dirixidas a favorecer multinacionais e persoas afíns”. A Plataforma ten claro que “hai unha estratexia para poñer a sanidade galega en mans de empresas privadas multinacionais” e que iso leva a que “multinacionais estean desembarcando masivamente en Galiza atraídas polo negocio sanitario”.

 

Cartos públicos para a privada

 

“Foron privatizando o mantemento, a compra e distribución de material sanitario, o servizo de cita previa…tarefas que antes facía o Sergas e agora empresas privadas”, critica Veras Castro.  Unha cuestión na que tamén incide Martín, que indica que esa política da Xunta implica que se “transvasen inxentes cantidades de cartos públicos a estas empresas”.

 

A isto engade SOS sanidade Pública a posta en marcha de medidas de apoio a fundacións como a Ramón Domínguez, para xestionar a investigación biomédica, na que están multinacionais farmacéuticas ou do Clúster de Galiza, onde participa a industria alimentaria e empresas como Pescanova. Ou a participación de multinacionais farmacéuticas na Fundación Xenómica ou a xestión de recursos de alta tecnoloxía do novo hospital de Vigo por parte de Galaria (a antiga MEDTEC).

 

Ademais, Martin denunciou que “houbo unha serie de decisións dirixidas a trasladar ao sistema privado, sobre todo, a Investigación, o desenvolvemento e a formación do persoal” e chamou especialmente a atención sobre a derivación de cartos públicos a esas multinacionais farmacéuticas que “fan investigación que se proba no sistema público e que se sae ben logo patentan e venden esas empresas privadas”.

 

Mutuas

 

Veras Castro tamén pon sobre a mesa outra cuestión a ter en conta na liña de privatización da sanidade pública: “Desgravab 500 euros ás empresas por cada traballador polo que subscriba una póliza sanitaria privada”. Isto é, denuncia, “una barbaridade”.

 

Manifestación. Ás 20:00 horas

- A Mariña: diante do Hospital da Costa

- A Coruña: no Obelisco

- Santiago: Praza do Toural

- Barbanza: Praza do concello de Ribeira

- Pontevedra: na Peregrina

- Vigo: Fronte o Marco (Rúa Príncipe)