Contra as multas do Goberno español a colectivos sociais, 'petos de resistencia'

Até o de agora son 30 as entidades que colaborarán nesta campaña de recadación que puxo en marcha na Coruña a plataforma Stop-desafiuzamentos, colectivo cuxas sancións, impostas tamén polo Concello, roldan xa os 8.000 euros.


Bares, perruquerías, librarías, florerías, sindicatos, asociacións veciñais... e así até xuntar trinta. Son as entidades da cidade da Coruña que veñen de colocar nas súas instalacións os petos de resistencia, a última iniciativa posta en marcha pola plataforma cidadá Stop-desafiuzamentos para facer fronte ás sancións económicas impostas polo Concello de pola subdelegación do Goberno español na Galiza, que a día de hoxe roldan xa os 8.000 euros. 

Así as cousas, o colectivo procurou apoio entre a veciñanza "sobre todo para visibilizar que canto máis se esforce o goberno do PP en criminalizar a solidariedade e para silenciar as voces que denuncian o seu exterminio neoliberal, máis nos imos organizar", explican mediante un comunicado enviado á imprensa para dar conta desta nova acción pola que recadarán diñeiro, a única que con esta finalidade puxo en marcha a plataforma. 

''Burorrepresión'' e ''violencia económica''

Fala Stop-desafiuzamentos de "burorrepresión", de "violencia económica" e de "intimidación" ao rexeitar a imposición de sancións aos colectivos sociais "para tratar de inhibir as protestas". Ao igual que fixo Queremos Galego, tamén esta organización recorreu as multas impostas.

Acumulan un total de 7.980,82€ correspondentes a 18 propostas de sanción dirixidas contra 16 persoas, e outr@s tres activistas que fican pendentes dun xuízo de faltas. As cantidades reclamadas oscilan entre os 120 e os 600 euros. Os petos de resistencia fan parte da campaña Múltannos a nós para te asustar a ti, centrada en informar a cidadanía "sensibilizándoa sobre a represión que se está a exercer contra as persoas que participan en mobilizacións sociais".