Deteñen catro estudantes en Pontevedra e impóñenlles unha multa de 8.000 euros

[Imaxe: Xaquín Soliño]

Segundo as informacións das cales tivo coñecemento este xornal, a policía española alega que os menores portaban "petardos e bombas de fume de fabricación caseira". 


A policía española impuxo unha multa de case 8.000 euros a catro estudantes de entre 14 e 15 anos (600€ a tres deles e 6.000€ a un cuarto) detidos por non levaren enriba o documento de identidade.

Segundo testemuñas presenciais ás cales tivo acceso Sermos Galiza, os catro mozos estaban a falar diante dunha entidade bancaria cando xa se disolvera a manifestación e foilles requerida a documentación. Ao non tela á man, introducíronos nun furgón policial e conducíronos á comisaría, na rúa Joaquín Costa. 

Após informar a nais e pais, "amedrentarnos e facernos un cacheo de arriba abaixo", os estudantes quedaron en liberdade. Porén, foilles imposta a sanción porque, segundo a policía española, portaban "petardos e bombas de fume de fabricación caseira". 

''Foron a por eles''

Desde o Concello de Pontevedra, o edil Demetrio Gómez explicou a este xornal como axentes da policía identificaron tamén dous mozos que se atopaban diante da casa consistorial unha vez que o protesto ficara xa disolto.

"Foron a por eles", relatou o concelleiro, quen se achegou até a comisaría para coñecer de primeira man as razóns polas que foron prendidos. Alí, un axente informouno de que non estaban nen detidos nen retidos, se ben non lle soubo dicir os motivos polos que non os deixaban libres. Acrecentou o axente que "estamos seguros de que iban a tirar unas bombitas"

Ás 20h desta quinta feira hai convocada unha concentración en solidariedade cos catro estudantes para rexeitar as sancións impostas.