Diversos incidentes e cargas policiais no desenvolvimento das manifestacións

[Imaxes cedidas]

Cargas policiais en Vigo, estudantes de 14 e 15 anos detidos en Pontevedra, bandeiras requisadas en Ourense e altercados en Compostela durante as manifestacións desta xornada de folga.

 

Non aos recortes en educación. Con este berro rematou en Compostela a manifestación convocada en contra da Lomce. A frase resome os motivos dos 20 protestos que percorreron as rúas da Galiza. Na capital galega rexistráronse algúns incidentes. Así, á primeira hora da mañá, a facultade de Químicas foi desaloxada polos bombeiros ao activar un piquete a alarma de incendios e a auga caer sobre produtos radiactivos colocados debaixo dos aspersores dun laboratorio.

Aliás, e nomeadamente na zona do Ensanche e na rúa da Senra á altura da Praza de Galiza, algunhas das persoas que fixeron parte das mobilizacións botaron petardos e lanzaron ovos con pintura contra escaparates de estabelecementos de comida rápida, de roupa e clínicas de cirurxía estética. Máis un incidente rexistrouse impactando unha tapa do alcantarillado contra a luna do Banco Santander. 

Ourense: os paus das bandeiras, obxectos contundentes

A presenza policial foi notábel nas manifestacións das sete cidades galegas. En Ourense, antes de encetar a mobilización principal, a policía española xa requisou as bandeiras do estudantado que facía parte dunha concentración diante da Subdelegación do Goberno. Alegaron que a Lei de Seguranza Cidadá (cuxo anteproxecto non foi aínda nen sequera presentado) impide que as bandeiras teñan paus e procederon a llos retirar.

Aliás, a persoa que transladaba bandeiras para repartir ao inicio da manifestación, Tirso Fernández, militante de Isca! e da Liga Estudantil, foi identificado. Segundo lle explicaron os axentes após dar o número de placa que o mozo lles esixiu, "os paus --das bandeiras-- son obxectos contundentes e non se pode ir con eles pola vía pública". Acrecentaron que Fernandez recibirá no seu domicilio a comunicación correspondente ao requisamento dos devanditos paus "e que se non estou de acordo que presente un recurso". 

Por derradeiro, na cidade das Burgas producíronse tamén identificacións que as organizacións convocantes cualifican de "aleatorias" durante a manifestación. O piquete informativo de 10 persoas que visitou o instituto Portovello pola mañá foi identificado na súa totalidade.

Cargas en Vigo diante do edificio da Xunta da Galiza

Estudantado que fixo parte da manifestación de Vigo contou que o remate da manifestación estaba previsto diante do edificio da Xunta da Galiza. O lugar estaba tomado polos antidisturbios e un cordón policial impedía a entrada.

"Estaban cunha actitude moi agresiva" e, após unha persoa lanzar o estudantado pedras e ovos de pintura, "colocaron os cascos e comezaron a cargar". O estudantado saíu correndo, perseguido polos antidisturbios. Algunhas persoas continuaron no enfrontamento "lanzando pedras, lousas e outros obxectos" contra os axentes da policía española. 

Estudantes de 14 e 15 anos detidos en Pontevedra por non levaren D.I.

Tamén na cidade do Lérez a actuación dos antidisturbios comezou unha vez rematadas as mobilizacións. Tal e como puido saber Sermos Galiza, catro estudantes estaban a falar diante dunha entidade bancaria cando varios axentes da policía española lles pediron a identificación. Como non levaban consido o documento de identidade, "metéronos nun furgón e leváronos a comisaría". 

Ás portas do edificio, na rúa Joaquín Costa, realizouse unha pequena concentración en solidariedade e para rexeitar as detencións Unha vez fóra e transcorrida case unha hora, tres del@s relataron como "quixeron amedrentarnos" e practicáronlles cacheos "de arriba abaixo". Aliás, ao seren menores de idade --teñen 14 e 15 anos-- foron avisados a nai e o pai. 

Grilleiras en Ferrol mais sen chegar a intervir

En Ferrol, dúas grilleiras ficaron "agochadas" en Canido, segundo informan fontes estudantís consultadas por este xornal, malia que os antidisturbios non chegaron nen a se achegaren ao protesto nen a intervir. 

 

  • COMITÉS, LIGA E AGIR TOMAN POSTURA SOBRE OS INCIDENTE

    Rematadas as mobilizacións, as tres organizacións convocantes mostraron os seus posicionamentos a respeito dos altercados acontecidos en Compostela e que foron descritos xa nesta información. Así, os Comités publicaron un chío na súa conta oficial de Twitter en que sinalaron que "rexeitamos os actos vandálicos dunha minoría que nubran o verdadeiro éxito da folga estudantil". 

    Pola súa banda, a Liga-Compostela emitiu un comunicado en que se desvincula "dos actos vandálicos tanto nos piquetes como no percorrido da manifestación", e fan fincapé no amplo seguimento que tivo a xornada de greve. 

    E, por derradeiro, Agir emitiu tamén un comunicado para se desmarcar mais non dos incidentes, senón de "calquera posicionamento criminalizando a combatividade do estudantado galego en loita". Acrecentan que a organización independentista se "parabeniza" pola "combatividade mostrada nas rúas da Galiza". 

     
  • BNG E GALIZA NOVA TAMÉN CONDENAN OS "ACTOS VANDÁLICOS"

    O BNG e a súa organización xuvenil Galiza Nova, que deron o seu apoio á xornada de folga, emitiron senllos pronunciamentos en que condenan os "actos vandálicos".

    Así, a formación frontista amosou "a súa máis enérxica condena aos actos vandálicos cometidos por unha minoría", acrecentando que "non teñen xustificación nengunha" e que "supoñen unha falta de respecto á inmensa maioría do estudantado e ao resto de organizacións participantes nas manifestacións". 

    Pola súa banda, Galiza Nova empregou a súa conta de Twitter para mostrar o seu "rexeitamento" ás "accións violentas dunha minoría", por considerar que "empañan o éxito" desta xornada de folga en que o estudantado galego voltou responder de maneira contundente contra a Lomce.