Multa de 300 euros á promotora dunha capea pola presenza de menores no evento

Imaxe de arquivo dunha protesta contra as touradas. (Foto: Nós Diario)
A sanción é a máis baixa que recolle a lei por unha infracción que pode supor até 30.000 euros.

A Xunta multou con 301 euros á organizadora dunha capea en Padrón, decorrida o 17 de abril de 2022 no marco das festas de Pascua, pola entrada de menores de 12 anos ao evento, o que supón unha infracción grave da Lei de Espectáculos da Galiza.

A plataforma 'Galiza, Mellor sen Touradas', que previamente xa criticara a convocatoria desta capea coa recollida de 74.000 firmas, recibiu a confirmación sobre a tramitación que a Administración seguiu da súa denuncia administrativa pola presenza de persoas menores de idade na capea realizada en Padrón o pasado ano.

A plataforma censura que non se impuxese unha sanción maior debido ao impacto social e gravidade dos feitos

O executivo respondeu á plataforma tras unha queixa á Valedora do Pobo pola falta de información sobre o expediente que se abriu tras o escrito dos abolicionistas.

A resposta que deu é a confirmación da sanción á empresa promotora do evento pola "comisión dunha infracción grave da Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas da Galiza".

A sanción máis baixa

Un delito que a Administración decidiu sancionar coa cantidade de 301 euros, a máis baixa por unha infracción que pode carrexar sancións de até 30.000 euros.

A plataforma censura que non se impuxese unha sanción maior debido ao "impacto social e gravidade dos feitos", xa que non eran "nin un nin dous nenos", alegan os abolicionistas, senón varios menores os que "accederon cos seus titores a pesar de estar prohibido".

Máis denuncias nos últimos anos

'Galiza, Mellor sen Touradas' móstrase orgullosa da acción de denuncia deste tipo de espectáculos nos últimos anos, nos que impulsaron tres acciones contra empresas públicas "en defensa dos dereitos da infancia".

Así, en 2018 lograron unha sanción de 100 euros para a empresa promotora das corridas de touros de Pontevedra por realizar publicidade sen cumprir cos requisitos básicos estabelecidos.

En 2019, o denunciado foi o Concello de Valga, por permitir a entrada e presenza de menores de 12 anos nunha capea, que tivo que abonar a contía de 301 euros, a mesma que se lle impón á empresa organizadora do evento en Padrón.

A plataforma antitaurina reclama consecuencias para o Concello que, segundo esta, "non actuou con dilixencia sendo colaborador da actividade", ao non expor presuntamente medidas de seguridade e acceso que vixiasen o cumprimento da Lei.