Aumentan un 3,4% as mulleres vítimas de violencia de xénero na Galiza

Imaxe de arquivo dunha manifestación contra a violencia machista (Foto Europa Press)
Nos tres primeiros meses de 2021, Galiza rexistrou 1.434 denuncias por violencia de xénero e outras tantas mulleres vítimas, cunha taxa de 10,3 vítimas por cada 10.000 mulleres.

Os órganos xudiciais da Galiza recibiron no primeiro trimestre do ano 1.434 denuncias por violencia de xénero, un 1,6 % máis que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.412. A gran maioría das denuncias -1.136- chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza nun comunicado.

Na Galiza rexistráronse durante o primeiro trimestre deste ano 1.434 mulleres vítimas de violencia de xénero nas denuncias recibidas, fronte ás 1.387 das mesmas datas de 2020, o que supón un incremento de 3,4%. Cabe destacar que os datos do primeiro trimestre do 2020 reflicten a incidencia da crise sanitaria da Covid-19, a pesar de que a actividade dos xulgados de violencia sobre a muller foi declarada esencial e non quedou afectada pola suspensión dos prazos procesuais nin paralizada en ningún momento.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX), na Galiza os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar descenderon un 18,9 %. Se nos tres primeiros meses de 2020 optaron por esta opción 122 mulleres, no mesmo período de 2021 fixérono 99, é dicir, o 6,9 % das vítimas.

Taxa de violencia de xénero

Galiza situouse como a cuarta comunidade coa taxa de violencia de xénero -mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres- máis baixa do Estado, con 10,3 persoas, fronte ás 14,2 de media estatal. Durante o primeiro trimestre do ano solicitáronse 371 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 529 de 2020, o que supón un descenso de 29,9%. Das 371 adoptáronse 232,  62,53 %.

Un 84,18 % das persoas axuizadas no territorio galego por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano foron condenadas. Este dato sitúa á comunidade por baixo da media estatal, que foi do 86,72 %.

*Esta información foi editada e actualidada para atender á corrección da porcentaxe de vítimas de violencia de xénero realizada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza por un erro no comunicado orixinal.