Mulleres usuarias de bicicleta denuncian un duplo acoso: o viario e o sexismo

Mulleres de distintas idades participaron o ano pasado en cursos gratuítos para aprender a andar en bici. (Foto: Vigo Ciclábel).
Vigo Ciclábel reclama políticas públicas de mobilidade con perspectiva de xénero. Esta tarde, ás 20 horas, coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, convoca na cidade olívica a I Bicicletada pola Mobilidade.

O último barómetro da bici, elaborado pola Rede de Cidades pola Bicicleta, publicado en 2019, revela unha fenda de xénero que confirman, na Galiza, colectivos como Vigo Ciclábel. Esta plataforma, composta por oito entidades ecoloxistas e feministas -Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Mulleres Bicivisíbeis, Adega, Verdegaia, A Golpe de Pedal, Conbici e Fridays For Future-, traballa pola integración deste medio de transporte na mobilidade urbana e interurbana, mais tamén avoga por uso igualitario e seguro da bici para o conxunto de persoas usuarias.

En todo o Estado, sinala o informe, millón e medio de persoas empregan a bicicleta a diario. A metade da poboación recorre a este medio de transporte de forma habitual. Arredor dun 60% son homes e 40% mulleres. Na cidade de Vigo esa diferenza dispárase segundo un estudo cualitativo realizado por Greenpeace, que apunta 80% de usuarios homes e 20% de mulleres.

Un 15% das mulleres non saben andar en bici fronte a 5% dos homes

Estes datos, apunta Iria Vázquez, membro da plataforma Vigo Ciclábel e integrante do equipo de equidade de Conbici, destacan a necesidade de facer máis estudos que dean conta da realidade na Galiza, en vilas e cidades, e sobre todo, "a necesidade de facer políticas públicas de mobilidade con perspectiva de xénero, para que as mulleres nos sumemos á bicicleta en pé de igualdade".

A primeira barreira coa que se atopan moitas mulleres é a falta de coñecemento e práctica para pedalear. 

Sexismo

Un 15% das mulleres non saben andar en bici fronte a 5% dos homes e 20% considera que non sabe circular correctamente fronte a 7,6% dos varóns.
"O ano pasado impulsamos varios cursos dirixidos a mulleres e foron un éxito, mesmo con lista de agarda", explica Vázquez, quen apunta un perfil diverso entre as demandantes, que non tiveron a oportunidade de aprender por sexismo ou falta de tempo.

O acoso viario e os estereotipos son outros estorbos a bater. "Hai que rachar coa idea de que a bicicleta é para xente nova, en forma e deportista. É unha ferramenta de empoderamento que ademais dunha mobilidade ecolóxica e respectuosa, nos ofrece independencia dentro do espazo público".

Está demostrado que as mullertes facemos traxectos distintos, máis breves, con máis paradas

Pero para iso cómpren infraestruturas protexidas e seguras: carrís bici, aparcadoiros, conectividade, intermobilidade en tren e barco sen restricións. "E cómpre o respecto dos coches. No caso das mulleres prodúcese un acoso duplo: viario e sexista, que inclúe pitos, comentarios e bromas que non teñen ningunha graza".

Achegar a perspectiva de xénero á mobilidade, en particular en bicicleta, é necesario, di Vázquez, "tamén porque está demostrado que facemos traxectos distintos, máis breves, con máis paradas" e iso require de infraestruturas e medidas adecuadas como unha rede ciclista, sitios onde deixar e gardar a bici ou a pacificación do tráfico; demandas para todos os usuarios que estarán presentes na I Bicicletada pola Mobilidade que Vigo Ciclábel organiza esta tarde con motivo da Semana Europea da Mobilidade. Ás 20 horas partirá desde o Olivo do Paseo de Alfonso XII.