Análise

Avanzando na desigualdade

A economista Natividad López Gromaz prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
Onde máis medran os ingresos é no tramo máis alto, a partir de 10 veces o Salario Mínimo Interprofesional. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Onde máis medran os ingresos é no tramo máis alto, a partir de 10 veces o Salario Mínimo Interprofesional. (Infografía: Nós Diario)

Cando se fala de desigualdade en sentido amplo, o termo abarca máis factores que os de distribución da riqueza ou da renda –desigualdade derivada do orixe étnica, da localización xeográfica, do xénero, da idade, discapacidade...–. Pero neste caso ímonos centrar exclusivamente neste factor: na desigualdade económica que, tal e como a define a ONU, trataríase da diferenza que existe na distribución de bens, ingresos, rendas... dunha sociedade, neste caso da galega.

Ao contrario do que algúns autores afirmaban, o crecemento económico non é suficiente para reducir as desigualdades. De feito, desde o ano 2009, onde conviviron períodos de recesión con períodos de crecemento, a desigualdade aumentou tanto nuns períodos como noutros.

Son moitos os factores que empurran a unha sociedade a ser tan desigual, e moitos deles conflúen na Galiza: aumento do peso de sectores económicos de baixos salarios, marco laboral que non protexe adecuadamente as persoas traballadoras, cambios tecnolóxicos que castigan a unha parte importante da clase traballadora, fenda de xénero, un sistema fiscal escasamente redistributivo, corrupción...

Xa na distribución primaria da renda, aquela que reparte o Produto Interior Bruto entre as rendas do traballo e do capital máis os impostos, se aprecia con total nitidez esta fenda económica cada vez maior.

Taxa de salarización

A proporción das rendas totais que corresponden ao traballo asalariado diminuíron en maior ou menor contía, mentres que aumentaron as correspondentes aos beneficios do capital. No ano 2009, a poboación asalariada galega repartíase o 48% do PIB; as rendas mixtas xunto ao excedente bruto de explotación o 43,9% (o resto, ata o 100%, son impostos, que se sitúan arredor do 10% en toda a serie analizada). Desde ese ano asistimos a unha perda constante de participación das persoas asalariadas na renda nacional, chegando a perder catro puntos porcentuais en case unha década. Parello a isto, as rendas do capital foron gañando peso paulatinamente acadando o maior peso no ano 2017, que chegaron a situarse no 46,2% do PIB.

Esta perda de participación do persoal asalariado na renda non se debe a que haxa menos poboación asalariada con respecto á poboación ocupada, senón que vén parello a un medre da taxa de saliarización; é dicir, cada vez o peso das persoas asalariadas é maior dentro da poboación ocupada. No ano 2009 representaban o 78,2% da poboación ocupada, no ano 2020, o 81%. Porén, o peso no reparto do PIB, como vimos, é menor.

Os máis pobres cada vez son máis e cada vez cobran menos; os máis ricos cada vez son menos e teñen maiores ingresos

Pero a desigualdade está medrando asemade no seo dos mesmos grupos. Entre a propia poboación asalariada, tamén se deu un forte medre das desigualdades. O mesmo ocorre entre a clase empresarial. Non temos datos da concentración de capital para Galiza, pero calcúlase que a nivel mundial, 50 empresas facturan o equivalente ao 25% do PIB mundial. Pode que en Galiza a proporción non sexa a mesma, pero a distancia non a de ser moi grande.

Do que si temos datos é do medre das desigualdades entre a clase traballadora, e neste último período aumentaron fortemente. Se distribuímos a poboación asalariada en tramos de ingresos en función do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), –datos que por outra parte nos facilita a Axencia Tributaria–, vemos como cada vez hai máis persoas cuxos ingresos brutos anuais non acadan o SMI, e polo contra, cada vez hai un grupo máis reducido cun ingresos máis elevados. No ano 2009, as persoas cuxos ingresos brutos anuais estaban por debaixo do SMI representaban o 26,5% do total das persoas con ingresos por salarios en Galiza; no ano 2020 esta porcentaxe incrementouse ata acadar ao 39,2% da poboación asalariada.

Salarios e desigualdade

Desde o ano 2009, tan só aumenta o emprego asalariado entre as persoas cuxos ingresos non superan en 1,5 veces o SMI. A partir deste nivel de ingresos hai un descenso importante das persoas asalariadas en todos os tramos de ingresos. Pola contra, onde máis medran os ingresos é no tramo máis alto, a partir de 10 veces o SMI, pero cada vez menos persoas pertencen a este grupo.

Así, no ano 2009 o ingreso salarial medio dunha persoa do tramo de maiores ingresos equivalía a 66 persoas do tramo de menores (menos da metade do SMI); no ano 2020 esta equivalencia é de 1 a 93. Os máis pobres cada vez son máis e cada vez cobran menos; os máis ricos cada vez son menos e cada vez teñen uns maiores ingresos.

Son varios os factores que conflúen para explicar este medre sen precedentes da desigualdade económica entre a poboación asalariada, pero que se poden resumir no incremento da precarización do mercado de traballo: maior temporalidade, alta rotación no emprego, maior porcentaxe de xornadas parciais..., consecuencia tanto das reformas laborais que o permitiron, como dos cambios na estrutura produtiva, onde o sector servizos cada vez teñen un maior peso, e dentro do mesmo son as actividades máis precarizadas, as que máis están medrando.

Comentarios