A realidade tras Tinder: unha de cada cinco citas acaba en agresión sexual

As mulleres denuncian diferentes formas de violencia sufridas nos encontros sexuais que mantiveron con homes que coñeceran en 'apps'. (Foto: Nós Diario)
A maioría dos homes busca nas aplicacións para coñecer xente mulleres "submisas", "atrevidas sexualmente" e "princesas" e rexeita "feminazis", "estreitas" e "amargadas", segundo o último informe elaborado pola Federación de Mulleres Novas.

Unha de cada cinco mulleres (21,7%) que concertaron un encontro a través dunha aplicación de citas sufriu violencia explícita para manter relacións sexuais, é dicir, unha violación. Esta alarmante cifra ofrécea a Federación de Mulleres Novas a través do seu último informe —financiado polo Ministerio de Igualdade—, previo á entrada en vigor da Lei do 'só si é si', un documento que afonda na violencia que sofren as mulleres por dúas vías: perante enquisas a perto de 1.000 usuarias —entre elas máis de 700 que mantiveran citas nesas app— e analizando os 1.400 perfís de homes e outros tantos de mulleres que interactuaron cos perfís creados polas expertas que levaron a cabo o proxecto.

O estudo conclúe que até 86% das enquisadas non sufriu violencia neste tipo de citas, se ben as autoras matizan que en moitos casos estas mulleres "non a saben identificar". Isto, explicaron, detectouse en respostas posteriores nas que se preguntou de forma explícita por se as mozas se sentiran "como un obxecto" mantendo relacións sexuais nunha destas citas —case a metade delas, o 48,8%, afirmárono—; se pediran parar durante unha relación e non puideron (33%); se houbo agresións como afogamentos, insultos ou golpes durante a relación sexual sen falalo previamente (27,7%); se foron presionadas para realizar algunha práctica sexual durante a relación (29,5%), ou se houbo penetración sen preservativo sen preguntar antes (27%).

Tamén hai un 28,2% de mulleres que advertira previamente de que lle causaba dano unha determinada práctica sexual e aínda así o home non parou; un 27,4% que asegura que o home tratou de gravala ou facerlle fotos durante a relación sen consentimento; 33,8% que pediu parar a relación e foi presionada para seguir, e 21,4% que recoñece que o home quitou o preservativo durante o encontro sexual cando ela non se daba conta.

Para a investigación creáronse dúas contas nestas aplicacións con avatares semellantes para muller e home, dúas persoas de 24 anos de idade, con descricións no seu perfil cos mesmos intereses. A través da interacción con estes usuarios falsos, as expertas determinaron que nos perfís masculinos os termos máis repetidos en relación ás súas preferencias de mulleres son os de "sen dramas/normais", "princesas/raíñas", "delicadas", "atrevidas sexualmente/decididas" ou "riseiras/agarimosas/tranquilas".

Aliás, detectouse un alto grao de presenza de perfís que chaman a "absterse de interactuar" con eles a "feminazis", "estreitas" ou "amargadas/traumatizadas". Na enquisa, até 80% das usuarias destas app aseguran sentirse "incómodas" lendo as biografías masculinas, destacando aquelas nas que se fan alusións directas aos "estereotipos de muller frívola, parva ou histérica".

Espidos, 'sexting' e submisión ao home

No que atinxe á comunicación entre usuarios, elas apuntan que a violencia máis común son as gabanzas en referencia aos seus corpos, os espidos e o sexting nas primeiras interaccións, mesmo aínda que non expliciten no seu perfil que estean a buscar iso inicialmente. De feito, 90% das enquisadas aseguran que viviron esta situación; outro 79% asegura que foron presionadas para enviar fotos espidas, e un 69,3%, a manter sexting ou sexo telefónico.

As expertas apuntan que nos perfís masculinos analizados hai "unha porcentaxe alta" de homes que inclúen imaxes de contido sexual explícito de mulleres humilladas, así como que na súa biografía explicita peticións sexuais que promoven a submisión. Neste contexto, o informe refírese á falta de educación sexual e a influencia da pornografía entre os mozos, xa que moitos dos termos que usan refírense a categorías destas páxinas web que cousifican e estereotipan as mulleres, como "asiáticas", "tetas grandes" ou "MILF".

De feito, 63% das usuarias destas app enquisadas asegura recibir no primeiro contacto cun usuario preguntas como "Es submisa?", e a metade foron presionadas neste contexto para responder se lles atraían prácticas sexuais como o "BDSM". Aliás, 70% delas aseguran que tras comentar que non lles interesan estas prácticas foron rexeitadas polo usuario e algúns homes, segundo os testemuños, "enfádanse" e insultan nas súas respostas.

"Glamurización da prostitución"

Nestas relacións a través das app de citas recóllese tamén a denominada "glamurización da prostitución" e implantación do "mito da libre elección" de exercer a prostitución, alertan as súas autoras. Así, 72% das mulleres enquisadas recoñece ver nestas aplicacións perfiles masculinos que ofrecían diñeiro ou agasallos a cambio de relacións sexuais ou unha amizade especial. En 60,2% dos casos recibiuse esta petición nun primeiro contacto con outro perfil, e en moitos casos non sinalaban nos seus perfís esta situación. "Este comportamento está normalizado", lamentan.

As expertas alertan neste sentido dun cambio na terminoloxía que pasan polo sugar daddy ou a sugar baby, en substitución de "puteiro" e "prostituta", e explican que o seu perfil falso creado para o estudo como muller de 24 anos recibiu en dúas semanas o 'gústame' de máis de 10.000 perfís de homes de entre 35 e 55 anos.

"Queda moito por avanzar", sinalou presidenta da entidade, Ada Santana, quen puxo en valor este tipo de estudos como punto de partida para pór en marcha políticas públicas. Santana chamou a focalizar no espazo virtual tras o cambio de paradigma das relacións e as situacións que este novo mundo supón, principalmente, no feito de que "o anonimato" que existe neste contexto xera "moita influencia para que proliferen esas violencias sexuais".