As mulleres rurais, no foco neste 25-N

Actos polo 25-N en Compostela. (Foto: Nós Diario)
O Observatorio da Mariña pola Igualdade (OMI) ten preparada unha axenda de actividades para conmemorar o 25-N, no que se celebra o Día contra a violencia de xénero, que nesta edición centrará nas mulleres rurais. 

O calendario dará comezo  a vindeira terza feira, día 24, coa presentación do vídeo testemuñal Elas Tamén Contan: voces de mulleres no rural, un traballo elaborado dentro da campaña de sensibilización sobre as violencias machistas no ámbito rural.

Será ás 19 horas no Lugar das Marías, na Regueira, Xove, e contará coas protagonistas para o coloquio posterior. A proxección repetirase o propio día 25, ás 12 horas na Casa da Cultura de Trabada.

Así mesmo, o Observatorio prepara a presentación do libro Árbores que non arden, unha obra do Proxecto Batefogo elaborada por varias autoras sobre o papel das mulleres na prevención dos incendios forestais, e que contará coa presenza de Miguel Pardellas, coordinador deste proxecto conxunto.

Será o día 26 ás 19 horas no Casino de Mondoñedo. En caso de non poder asistir, poderase seguir en directo desde o Facebook do OMI.

Para o día 27, o Observatorio ten preparada a inauguración de Madialeva, un relato gráfico sobre a realidade da muller no rural feito por Ana María Fernández Moreiras.

O acto está programado para as 19 horas nas escolas vellas de Cervo e  tamén poderá seguirse en directo vía Facebook. 

Desde o Observatorio lembran que durante todos os actos, será necesario gardar as pertinentes medidas de prevención hixiénico-sanitarias fronte á Covid-19, mantendo o distanciamento social e con máscara obrigatoria, e informa de que haberá dispositivos de hixiene.