Xornalismo

Xornalistas de prestixio participarán en marzo en Pontevedra na sétima edición de 'As mulleres que opinan son perigosas'

Presentación da sétima edición do foro 'As mulleres que opinan son perigosas', hoxe, en Pontevedra. (Foto: Deputación de Pontevedra)
Cláudia Morán, columnista de 'Nós Diario', será unha das participantes na xornada do sábado 16.

O encontro de mulleres xornalistas As Mulleres que Opinan Son Perigosas chega este 2024 á súa sétima edición, que decorrerá no Teatro Principal de Pontevedra entre a sexta feira 15 de marzo e o sábado 16, coa participación de relatoras de recoñecido prestixio como Olga Viza, Lucía Méndez e Mariola Cubells. As organizadoras deste encontro, Diana López e Susana Pedreira, presentaron esta cuarta feira a programación do evento, nun acto que contou coa participación do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e mais do presidente da Deputación, Luís López.

O 15 de marzo, ás 12.30 horas, intervirán Carolina Sertal e Carmen G. Magdaleno, gañadoras do primeiro Premio de Opinión 'MulleresQueOpinan'. Despois, ás 13.15 horas, seguirá a conferencia da guionista, podcaster e realizadora audiovisual Lula Gómez, que leva por título: Entender e desmontar o machismo: 'es unha caca'.

Para a tarde dese día está prevista a intervención da escritora Mercedes Corbillón, que falará sobre A beleza e a opinión nunca deben morrer. Pola súa parte, a xornalista, cómica e actriz Xasmín Abuín disertará sobre o tema Desde a comedia e con retranca tamén se opina, mentres que a xornalista especializada en maternidade, infancia e saúde Diana Oliver falará de Maternidades precarias: entre o privilexio e a incerteza. A sesión vespertina da sexta feira concluirá co relatorio de Lucía Méndez, xornalista de El Mundo, que leva por título Tres décadas observando e relatando o poder.

A xornada do sábado 16 arrinca ás 12h do mediodía coa conferencia Ética xornalística no tratamento da violencia machista, a cargo de Ana González Liste, de Praza.gal. A continuación, ás 12.45h, a redactora xefa en El País e directora de Materia, Patricia Fernández de Lis, falará sobre ciencia, tecnoloxía e saúde con perspectiva de xénero. Fechará a sesión matinal a intervención de Isabel Cadenas Cañón, xornalista, escritora e documentalista sonora con Diso SI se fala: mulleres rompendo silencios persoais e colectivos.

Tras unha pausa para o xantar retómanse ás 17h as conferencias da man de Cláudia Morán, columnista de Nós Diario, co tema Vivir aquí: opinar desde o propio. Ás 17.45 horas será a quenda de Noor Ammar Lamarty, activista xurídica e podcaster que disertará sobre Repensar o feminismo: apartheid de xénero e construción do relato.

Dúas comunicadoras de renome fecharán esta sétima edición do foro: ás 18.45 horas intervirá Mariola Cubells, de La Ventana da Cadena SER e El Huffington Post, con Mellor que nunca: a revolución das mulleres +60, e, finalmente, ás 19.30h, a xornalista e presentadora de televisión Olga Viza, con Referente e pioneira: a información deportiva leva o seu nome.