As mulleres levántanse por un Plan galego contra a endometriose

Concentración por un Plan galego contra a endometriose, este sábado en Lugo (Foto: Nós Diario).
Unha de cada dez galegas en idade fértil ten endometriose e case a metade das mulleres que non poden quedar embarazadas padecen endometriose.

No marco da xornada divulgativa sobre a endometriose que ten lugar este sábado en Lugo, produciuse unha concentración na cidade a prol dun plan galego contra esta doenza que sofren até 60.000 mulleres en toda a Galiza.

De feito, unha de cada dez galegas en idade fértil ten endometriose e case a metade das mulleres que non poden quedar embarazadas padecen esta doenza. Neste sentido, a asociación Querendo, Mulleres con Endometriose quere facer visíbel esta enfermidade e reclama unha unidade multidisciplinar de referencia no sistema sanitario público da Galiza.

Trátase dun dos compromisos asumidos até en catro ocasións por todas as forzas políticas do Parlamento da Galiza. Fixérono por primeira vez en 2015, coa aprobación por unanimidade dunha moción que, ante a falta de avances, Querendo volveu levar á Cámara galega en 2022.

Porén, tivo o mesmo resultado: plena conformidade dos grupos parlamentarios, mais ningún progreso por parte do Goberno galego do Partido Popular. "Nada se fixo do acordado", reprochou Cristina Fernández, membro do equipo directivo de Querendo, en declaracións a Nós Diario, en relacións á moción presentada en xuño de 2022 polo BNG, a cal incidía nas demandas que o colectivo de doentes reclamaba xa sete anos antes.

Neste sentido, no manifesto lembraron que “hai 10 anos que as mulleres de Querendo se xuntaron por primeira vez para reivindicar unha atención de calidade para a súa doenza silenciada, que non silenciosa”. “E aínda que haxa que dicir todo isto 60.000 veces xa non volveremos ás nosas casas sen conseguir que as nenas que están nacendo hoxe non teñan que vivir a dor que nós vivimos”, concluíron, facendo un chamamento á Consellaría de Sanidade para que as “escoite”.

Dor e infertilidade

A endometriose é o crecemento de células similares ao endometrio, a capa interior do útero, fóra deste, onde manteñen un comportamento igual. "Cando che vai vir a regra esas células inflámanse e o sangue que dentro do útero atopa saúde, inflámase e forma pequenos quistes", explicou Fernández.

Unha ollada de perto

A xornada divulgativa organizada por Querendo, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ten lugar este sábado no pazo lugués de San Marcos. Os avances en investigación e novos tratamentos máis as posibilidades da fisioterapia no coidado do solo pelviano centraron a sesión da mañá coas intervencións do facultativo Jorge Alonso e da fisioterapetuta Sara Iglesias.

Á tarde abrirá a mostra 'Olladas á endometriose', do Colectivo Tecendo, coa presentación a cargo de Ainara Díaz, Neves Seara e Verónica Ramilo. Até o 19 de abril poderanse visitar na Galería Solaina as obras destas artistas, reflexo do seu "sentir a endometriose".