As mulleres galegas, máis conectadas á rede e aos dispositivos electrónicos

89,1% das mulleres declaren que usan Internet. (Foto: Nós Diario).

As mulleres galegas de entre 35 e 64 anos usan máis Internet que os homes, ademais, as de entre 45 e 64 anos superan tamén aos homes no uso de dispositivos electrónicos.

Nas franxas de idade inferiores aos 35 anos, o uso das tecnoloxía é practicamente o mesmo entre homes e mulleres, con índices que superan o 99%, salvo no caso do uso de dispositivos electrónicos por parte de escolares de primaria ou inferior, nos que o porcentaxes está sobre o 78%, tanto por parte dos nenos como das nenas.

O informe 'Mulleres en dixital: o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero', que publicou o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización da Galiza (Osimga), evidencia que só se manteñen diferenzas destacábeis nas persoas maiores de 65 anos.

Nesta franxa, un 85,4% das mulleres utiliza dispositivos electrónicos, fronte a un 89,9% dos homes e un 57,7% das mulleres declara usar Internet, fronte a un 62,3% dos homes.

As características da poboación da Galiza explican que, tendo en conta todas as idades, 89,1% das mulleres declaren que usan Internet, unha porcentaxe que se sitúa en 89,5% en caso dos homes.

Administración e comercio electrónicos

A proporción de mulleres que compraron a través da rede en 2022 alcanzou 60,5%, cun crecemento de case 20% desde 2019, cando a porcentaxe das internautras galegas que compraban na rede era de 50,9%.

Por tramos de idade, compran máis as mulleres que os homes por Internet até os 54 anos, e vira a tendencia nos maiores, até superar os oito puntos porcentuais a favor dos homes entre os 65 e 74 anos.

Con todo, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da rede na Galiza supera en 0,3 puntos ao das mulleres.

No relativo ao uso da Administración dixital no ano 2022, as mulleres superan os homes en todas as actividades analizadas e que serven para informarse ou realizar trámites de forma electrónica.

81,1% das mulleres que usan Internet obteñen información das Administracións públicas, máis de 80% descargan e envían formularios oficiais cumprimentados e 61,6% das mulleres descargaron no último ano documentos persoais xerados pola administración.