As mulleres galegas advirten a Madrid: ''nós decidimos como e cando queremos ser nais''

Escrachos diante das sedes do Partido Popular en Compostela e na Coruña deixaron claro o rexeitamento á última embestida dos ministerios de Sanidade e Xustiza contra os seus dereitos: a reprodución asistida fica reservada a parellas heterosexuais e nas estatísticas só aparecerán as maltratadas que boten máis dun día no hospital


As decisións dos ministerios de Sanidade e Xustiza que se fixeron públicas durante a fin de semana supoñen máis unha embestida contra o dereito á autodeterminación das mulleres sobre os seus corpos que as galegas non están dispostas a consentir.

Axiña reaxiron após coñecer o documento que documento a Ana Mato vai aprobar no Consello interterritorial (esta terza feira) e que veta o acceso gratuíto á reprodución asistida a mulleres que decidan ser nais en solitario, a mulleres lesbianas, a parellas que xa teñan crianzas agás no suposto de que padezan algunha enfermidade e a homes e mulleres que se tivesen sometido voluntariamente a unha esterilización (vasectomía ou ligadura de trompas).

Porén, coñeceuse despois que a medida da custodia compartida xa non será unha excepcionalidade nin tomará en conta o parecer de nais e pais, senón que a súa imposición déixaa o departamento que dirixe Gallardón á discrecionalidade da xuíza ou xuíz.

A aprobación da contrarreforma da lei do aborto que prepara este mesmo ministro vaise concretando: no próximo trimestre darase a coñecer.

E, por derradeiro, as estatísticas do terrorismo machista non contabilizarán nin sequera as mulleres que procuran atención médica, senón unicamente aquelas que requiran dunha hospitalización de máis de 24h. 

Contra todas estas medidas e contra a idea de familia heteropatriarcal en que se basean as políticas do Goberno español, que o galego acata sen rechistar, revolvéronse esta segunda feira centos de mulleres en sendos escrachos convocados diante das sedes do Partido Popular da Coruña e Compostela. A faixa, onde se lia que 'Os dereitos sexuais e reprodutivos non son negociáveis. As mulleres decidimos como e cando queremos ser nais', deixa claro que non van consentir.