Só as mulleres maltratadas que boten máis dun día no hospital contarán como violencia machista

O Goberno español rebaixará así aínda máis a cifra de casos de maltrato. Na promesa de contabilizar mes a mes non só as asasinadas, senón tamén as que resultaban feridas por esta forma de terrorismo, maquillará os dados, pois menos do 10% delas van ao hospital


"Múltiples contusións, dor en pirámide nasal, mandíbula, ouvido, rexión malar, craneal e occipital, rexión lumbar, xeonllo, nocello e rexión dorsal. Hematomas na pálpebra do ollo esquerdo, na rexión frontoparietal esquerda, na rexión mandibular dereita, na rexión pretibial bilateral, dor de rotación de cadeiras, hematomas e equimose nos antebrazos, pranto constante durante a exploración".

É o parte médico dunha muller que sufriu unha agresión machista e que non lle vai interesar ao Goberno español á hora de ofrecer o cómputo mensal que prometeu das agredidas que recibiron atención médica.

No anuncio inicial non estaba xa previsto contabilizar todas as mulleres en situación de violencia, física ou psicolóxica, senón unicamente aquelas que fosen atendidas no centro médico e contasen cun parte de lesións. Os dados comezarían a se facer públicos en 2013. Pasaron sete meses e deles nada se sabe.

Daquela intención feita promesa queda pouco: agora a data para coñecer das agresións machistas será o ano que vén, e ao Ministerio de Sanidade xa non lle interesan todas as maltratadas. Unicamente computarán nas estatísticas aquelas que teñan secuelas físicas (non psicolóxicas) e non todas: só as que fiquen hospitalizadas máis de 24 horas

As estatísticas de Ana Mato rexistrarán menos do 10% dos casos reais que se producen

Segundo informa esta segunda feira o diario El Mundo, alguén no departamento de Ana Mato advertiulle á ministra de que computar todos os casos de violencia machista carrexaría como consecuencia que durante o goberno do PP habería un índice maior desta forma de terrorismo do que se rexistrou co PSOE, que só levaba a conta das mulleres asasinadas.

As mulleres maltratadas valen tamén como arma arreboladiza no xogo político no bipartito español PP-PSOE. Así, nas estatísticas de Mato rexistraranse menos do 10% dos casos reais que se producen realmente, pois menos do 10% das mulleres acoden a un hospital malia que o Consello xeral do poder xudicial dá conta dun milleiro de denuncias por lesións cada mes, e cómpre tomar en conta que non todas as mulleres denuncian as agresións que sofren.

Coa maquillaxe das estatísticas xustifícase tamén o recorte das axudas ás vítimas da violencia machista

Cal é a consecuencia desta estatística? Luz verde do Goberno español para 'vender' o éxito das súas políticas na loita contra os malos tratos e luz verde tamén no recorte das axudas que se destinan ás mulleres en situación de violencia machista e á prevención desta forma de terrorismo.