DADOS DE 2015

Tres mulleres foron violadas ao día no Estado español

[Imaxe: Flickr] Acto contra a violencia de xénero

Segundo os dados que vén de facer públicos o Ministerio do Interior, un total de 1.127 mulleres foron violadas no Estado español durante o 2015, o que significa que cada día teñen lugar unha media de algo máis de tres violacións.

Os últimos dados do Ministerio do Interior apuntan a que en 2015 tiveron lugar 1.127 violacións de mulleres no conxunto do Estado español –non existen dados clasificados por territorios—, o que significa que cada día tres mulleres foron violadas. As últimas cifras eran as de 2014, cando o número de violacións ascendera a 1.239.

A respeito do balanzo de violacións ao longo da lexislatura de Mariano Rajoy á fronte do Goberno, o ministro de Interior en funcións, Jorge Díaz, presumiu dun descenso do 19%. “Cada violación é incualificábel, é unha traxedia, pero comprácenos que esta tipoloxía tan abominábel experimentara un descenso”, apuntou na presentación dos dados relativos aos últimos catro anos.

O da violación é o menor descenso do conxunto de tipoloxías penais asociadas á criminalidade

Aínda que o Ministerio do Interior destacara a caída no número de violacións, trátase do menor descenso do conxunto de tipoloxías penais asociadas á criminalidade. Así, segundo os dados da comparativa coa fin da anterior lexislatura –que foron as cifras ofrecidas por Interior—, mentres as violacións caeron un 18,9%, os homicidios baixaron un 21,3%, os delitos contra a orde pública, un 25,4%, os roubos con violencia e intimidación, un 25,9% e o roubo de vehículos, un 30,9%.

O ministro do Interior apuntou que a loita contra as violacións require dun “protocolo específico” e asegurou que o departamento, cando o seu mandato se atopa en funcións, “está traballando nese ámbito”.

A polémica dos consellos contra as violacións

Precisamente, na lexislatura que remata o Ministerio do Interior viviu unha forte polémica relacionada coas violacións. E é que na súa páxina web recollía uns “consellos” que responsabilizaban a muller das violacións. Entre os “consellos” de Interior atopábanse “mercar un asubío para escorrentar o delincuente”, “non entrar nun ascensor con estraños”, “botar as cortinas para evitar miradas indiscretas” ou “non facer auto stop”.

Após a vaga de protestos, o Ministerio do Interior saíra ao paso advertindo de que eses “consellos” foran elaborados pola Garda Civil había dez anos, cando Alfredo Rubalcaba era ministro do Interior. O departamento de Fernández Díaz comprometérase entón a “actualizar” os consellos. Porén, desde o ano en que estoupara a polémica, o 2014, non se volveu saber dos consellos e a páxina web para a prevención da violación está desactivada.