As mulleres con endometriose case triplican o tempo de espera no verán

querENDO advirte que o feche de servizo e de axendas neses meses complica a atención e asistencia a mulleres con esta doenza crónica.

 

A endometriose é unha doenza crónica que afecta máis de 60.000 galegas, das cales por volta de 9.000 teñen as formas máis severas da doenza. Son os graos III e IV, que precisan un seguimento continuado e frecuente debido a que hai continuas mudanzas de tratamentos, de situación na evolución da doenza.

O colectivo querENDO cita a experiencia doutros anos para advertir sobre como a chegada do verán repercute en maiores espera para esta doentes. “Aumentan de maneira exponencial as chamadas á asociación polas queixas no retraso das citas”, afirman

Na Galiza hai neste momento tres consultas específicas de endometriose (Álvaro Cunqueiro, Chou e Chuac). As tres ou ben pechan durante os meses do verán ou ben minguan “drasticamente” o número de consultas pola baixada en persoal, quer por vacacións que por necesidades doutros servizos. “Isto case triplica as listas de espera para novas citas das doentes afectadas”, denuncian desde querENDO.

Durante este período, as consultas que se habían producir a tres meses vista alárganse e 6-7 meses. “Son períodos nos que estas mulleres só poden acudir aos servizos de urxencias nos picos de dor ou de empeoramento pero onde non se fai o seguimento que se debía facer. Se o tratamento que está levando a muller non está funcionando ou precisa de algunha variación alárgase a súa situación durante meses empeorando claramente a súa situación”, explican desde o colectivo. .

Nos hospitais onde non hai consulta específica de endometriose o panorama que viven as mulleres con endometriose é “igual ou peor”.

 

Exemplos

 

querENDO achega o exemplo dunha muller con esta doenza. A xinecóloga que a atendeu no CHUAC recomendou revisar no mes de xullo, e que cando finalmente se lle adxudica cita esta é para mediados de decembro. “A situación é doblemente kafkiana porque se trata dunha muller en busca de embarazo en reprodución asistida e neste caso as mulleres deben seguir un estrito control no que os tempos nos tratamentos e as interferencias co agravamento da doenza son decisivos para conseguir ese embarazo”.