CONCENTRACIóNS CONTRA O CRIME MACHISTA DE MORAñA

As mulleres berran contra o uso das crianzas como arma e vítimas da violencia

Imaxe da concentración na Coruña

Feministas organizadas en grupos de acción local na Coruña, Lugo, Compostela e Pontevedra e na Marcha Mundial das Mulleres en Ferrol, Vigo e Ourense realizaron na tarde de hoxe concentracións en repulsa ao asasinato machista das dúas crianzas en Moraña.

A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ourense acolleron na tarde de hoxe milleiros de persoas nas concentracións de repulsa ao crime machista que tivo lugar esta sexta feira (31 de xullo) en Moraña. Convocadas por grupos de acción local ou pola Marcha Mundial das Mulleres, nestas mobilizacións advertiuse de que o feminismo vén denunciando durante anos “a instrumentalización das crianzas por parte dos seus pais para seguir perpetuando a violencia que sofren as nais”.

Con consignas como “As crianzas non son armas que poidas utilizar”, “Patriarcado e capital, alianza criminal”, “Menos discursos e máis recursos” ou “Non estamos todas, faltan as mortas”, as activistas feministas denunciaron que acotío os fillos e fillas “son empregadas como armas e vítimas da violencia”. “Frecuentemente as crianzas son empregadas para desacreditar a nai, para ameazala, para intimidala, e noutros casos, como testemuñas  ou mesmo obxecto da violencia do home, como o caso que hoxe denunciamos”, sinalaron as feministas na lectura dun manifesto durante a protesta que tivo lugar no Obelisco da cidade da Coruña.

As mulleres aproveitaron as concentracións desta tarde para criticar que os feminicidios “están a ser invisibilizados polos poderes públicos, pola xustiza e polo goberno do Partido Popular, mesmo polos medios de comunicación”. “Estas vidas non teñen o mesmo peso, a mesma importancia nin a mesma resposta que terían de tratarse doutro tipo de terrorismo”, salientaron. “Non hai comparecencias pola vía da urxencia dos presidentes do goberno da Xunta de Galiza, nin do Estado español, tan só ocupan minutos de silencio institucional”, engadiron.

“Estamos hoxe aquí porque queremos mudar unha situación insostíbel para as mulleres e porque forma parte da nosa responsabilidade. Queremos visibilizar o noso rexeitamento, que toda a sociedade entenda que é a nosa vida a que está en perigo. Que non lle pertencemos a ninguén. E que non imos ficar caladas”, berraron as mulleres. “Non imos gardar minutos de silencio polas vítimas, imos saír á rúa ao día seguinte de saír publicado na prensa escrita un asasinato por mor da violencia machista. Farémolo todos os días que fagan falta esixindo xustiza, loitando pola igualdade e polo respecto, contra os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia sexista”, concluíron.

Estamos ante a terceira e cuarta vítimas oficiais de Galiza

O crime machista de Moraña suman a terceira e cuarta vítima oficial no país (dado que a parella de Beatriz, a segunda muller asasinada en Galiza no que vai de ano non contabilizaría nas estatísticas oficiais, como tampouco o fai o crime aínda sen resolver da muller asasinada preto do Seminario en Ourense).