Unha muller falecida e dous feridos na colisión dun turismo contra un camión estacionado en Viveiro

O turismo após a colisión co camión estacionado. (Foto: Europa Press)
O condutor do turismo e o ocupante do asento traseiro esquerdo resultaron feridos de gravidade.

Unha muller faleceu e outras dúas persoas resultaron feridas após bater un turismo contra un camión estacionado pasada a medianoite do domingo a esta segunda feira na estrada LU-539, no termo municipal de Viveiro (A Mariña). Segundo precisaron fontes da central de emerxencias do 112-Galiza e da Garda Civil, o sinistro rexistrouse na chamada variante de Viveiro, que coincide coa Avenida de Ferrol.

Un turismo saíu da vía pola marxe dereita e bateu contra un camión que se atopaba aparcado. Como resultado da colisión, a ocupante do asento dianteiro dereito, unha muller de 23 anos, faleceu, mentres que resultaron feridos graves o condutor do turismo e o ocupante do asento traseiro esquerdo.

As persoas feridas foron trasladadas a senllos centros hospitalarios. O condutor foi evacuado ao HULA de Lugo, e o outro ferido, trasladado ao hospital de Burela, segundo informou a Garda Civil.