Unha muller falece e varias persoas resultan feridas nun accidente de tráfico no Pino
Unha muller faleceu e varias persoas resultaron feridas esta segunda feira tras un accidente na autovía A-54, ao seu paso polo municipio do Pino (comarca de Arzúa), segundo informaron o Consorcio contra Incendios e de Salvamento, a Garda Civil, o CIAE 112 Galiza e o 061.
O accidente produciuse durante a mañá, sobre as 10.50 horas, á altura da saída 77 en sentido Lugo, e consistiu nunha colisión entre un turismo e unha furgoneta. Varias persoas alertaron Emerxencias e informaron de que había varias persoas feridas.
O CIAE 112 deu aviso ao corpo de bombeiros do parque de Arzúa, a Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e aos servizos de mantemento da vía. Como consecuencia do impacto, unha muller de 66 anos e de nacionalidade arxentina, ocupante do turismo, faleceu, e outras catro persoas resultaron feridas, e foron evacuadas por un equipo de profesionais da sanidade.
A Garda Civil informou de que a muller falecida usaba cinto de seguridade, e que ambas as persoas que conducían deron negativo nas probas de alcol e drogas. Igualmente, precisou que, entre as ocupantes do turismo había unha crianza, que resultou ilesa.
Urxencias Sanitarias-061 confirmou o traslado de catro persoas ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. No operativo interviron un helicóptero medicalizado, unha ambulancia medicalizada e outras dúas ambulancias máis.