Asasinan unha muller na súa vivenda de Lugo

Polo de agora non se produciron detencións. (Foto: Europa Press)
O corpo sen vida da vítima foi achado con claros signos de violencia. A Policía, que está a tomar declaracións, mantén abertas todas as hipóteses.

Axentes da Policía Nacional da comisaría de Lugo xa comezaron a tomar declaración a familiares, veciños e amigos da muller de 42 anos que foi achada morta con signos de violencia —o cadáver presentaba evidencias de recibir varias coiteladas— na súa vivenda de Lugo. A muller rexentaba unha froitaría no barrio da Milagrosa, onde era moi coñecida.

O cadáver foi localizado nun piso da rúa Quiroga, na cidade da muralla, pasadas as 22 horas deste domingo. O caso lévao o Xulgado número 1 de Lugo e o levantamento do cadáver tivo lugar durante a madrugada.

O portavoz das autoridades policiais, o subinspector Manuel Arias Veiga, constatou que se trata dunha morte violenta, "un homicidio", e confirmou que o aviso se recibiu "entre a última hora da tarde e primeira hora da noite" deste domingo a través dun familiar.

A continuación, activouse o protocolo e alertouse á autoridade xudicial, asumindo o caso os xulgados de Lugo. Para o levantamento do cadáver compareceron no lugar dos feitos axentes da Policía científica e xudicial para facer as correspondentes inspeccións oculares que dan inicio á investigación, que está baixo segredo de sumario.

"Está a tomarse declaración a toda a contorna da vítima, tanto veciños como familiares ou amigos, sen haber unha liña fechada de investigación. Están abertas todas as liñas de investigación", puntualizou o portavoz da comisaría de Lugo.

Sen detencións

O portavoz policial asegurou tamén que, polo momento, non hai ningún detido. Nas horas posteriores ao achado do corpo apuntouse a unha posíbel detención dun veciño, mais o subinspector aclarou que o home simplemente foi trasladado da súa vivenda á comisaría porque non tiña outros medios para desprazarse, nun escenario no que se toma declaración aos diferentes veciños e ao resto da contorna da vítima.

Pola súa parte, a conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, indicou que "aínda non se saben os datos nin hai noticias veraces sobre a autoría" do crime. Así, sinalou que "continúan as forzas e corpos de seguridade a investigación" sobre os feitos, e apuntou que tanto a delegación do Goberno estatal na Galiza como a propia Xunta informarán "cando se saiba algo" sobre o ocorrido.

Tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, trasladou a "máis enérxica repulsa" do consistorio a este crime, e apuntou: "Desde o Concello de Lugo rexeitamos e condenamos toda a violencia, especialmente a de xénero e familiar, e trasladamos tamén o noso agarimo e solidariedade coa familia e persoas próximas á vítima".

A rexedora apelou á "necesidade de continuar traballando desde todas as institucións na loita contra todo tipo de violencia" e pediu a "máxima cautela ante o avance das investigacións que se están levando a cabo para esclarecer os feitos e poder determinar se o acontecido obedece a un novo homicidio machista".

Aliás, a subdelegada do Goberno español en Lugo, Isabel Rodríguez, engadiu: "As forzas e corpos de seguridade do Estado están a indagar sobre as circunstancias para, coa maior precisión, estabelecer as causas deste suceso. Neste momento non podemos dar máis información. Están abertas todas hipótese e continúase coa investigación para resolver este terrible suceso".

*Información actualizada ás 14.24 horas