Buscan na costa de Alacant unha galega de 43 anos que caeu ao mar desde un buque do CSIC

Buque oceanográfico 'García del Cid', do CSIC.
A muller, natural de Cangas do Morrazo e residente en Bueu, viaxaba a bordo do 'García del Cid' e foi vista por última vez o pasado sábado.

Un dispositivo de efectivos de Salvamento Marítimo e Garda Civil segue a buscar nestes momentos unha muller de 43 anos, que desempeña o posto de camareira de buque, na costa de Alacant após caer ao mar desde un buque do CSIC. O portavoz da familia confirmou en declaracións á axencia Europa Press que, polo de agora, descoñecen os motivos deste accidente e están "centrados" na procura desta muller natural de Cangas do Morrazo, aínda que con residencia en Bueu. Está casada e ten tres fillos.

De feito, o marido e un irmán da muller, que leva varios anos como camareira de buque para o CSIC, desprazáronse a Dénia (Alacant) nas últimas horas para coñecer de primeira man os labores de busca, dos que até o momento, segundo transcendeu, non recibiron máis información.

Buque García del Cid

A embarcación desde a que caeu pertence ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Salvamento Marítimo recibiu contra as 8.20 horas do domingo o aviso de que faltaba unha tripulante no buque oceanográfico García del Cid, do CSIC, e que fora vista por última vez o sábado.

Segundo sinalaron fontes do centro de investigación, o buque atopábase realizando unha campaña oceanográfica dentro dun proxecto europeo coordinado polo Institut de Ciències do Mar (ICM) do CSIC en Barcelona. En concreto, un estudo das propiedades ópticas do fondo mariño. Atopábanse medindo parámetros físicos coa roseta oceanográfica, un dispositivo utilizado para tomar mostras de auga.

Malia que o aviso da desaparición apuntaba á zona próxima a Gandía, á primeira hora a procura centrábase en aproximadamente 14 millas náuticas ao nordeste de Dénia. Ao longo desta segunda feira despregáronse oSalvamar Diphda, o avión Sasemar 305 e dúas embarcacións da Garda Civil, alén de contar con radioavisos ás tripulacións da zona, xunto co helicóptero da Generalitat.

A respecto do operativo despregado, a delegada de Goberno español no País Valencià, Pilar Bernabé, en declaracións aos medios, confirmou que os labores de procura proseguiron ao fío das 7 horas desta segunda feira.