Moz@s pola abolición denuncia que as touradas volven a TVE, e en horario infantil

A través da campaña #ocaralloTVE, lanzada nas redes sociais, fan un chamamento á cidadanía galega para desintonizarmos a canle pública española, e sinalan que na dirección do ente só se argumentou que a programación taurina "ten audiencia"

Após coñecer que a televisión pública española emitirá unha corrida de touros nesta cuarta e en horario infantil, o colectivo Moz@s pola abolición --as mocidades de Galiza, mellor sen touradas-- cualifica de "aberración" a decisión de TVE, que sitúa nun panorama social propio do século XIX, en que "nin a violencia explícita nin as actitudes perigosas para o desenvolvemento das persoas menores de idade eran estudadas nin limitadas".

Botando man do disposto na directiva europea Televisión sen fronteiras e na Lei xeral audiovisual, lembran as Moz@s pola abolición que nos devantidos textos aparece vetado "calquera contido que poida prexudicar ou indicir de xeito negativo no desenvolvemento psicolóxico e social dos nenos", entrementres o director de TVE, Julio Somoano, "cita informes xurídicos inexistentes" ou defende que os contidos taurinos "teñen audiencia".

Con todo, segundo as cifras facilitadas pola plataforma abolicionista, a emisión de programas taurinos en La2 ou na radio pública española "non só ten pouca audiencia, senón que descende cada ano", para alén de alertaren que o financiamento privado cae tamén, polo que cada vez se destina máis diñeiro público para manter en antena esta programación. Perante este panorama, Moz@s pola abolición lanza nas redes sociais a campaña #ocaralloTVE, en que farán achegas en contra das touradas, ademais dun chamamento á cidadanía galega a desintonizaren TVE.