Veciñanza de Ordes e Betanzos reorganízase contra os 'macroparques' eólicos

Xuntanza da veciñanza de Ordes e Betanzos para artellar a súa estratexia contra os 'macroeólicos'. (Foto: Nós Diario)
O parque eólico Legre, que fai parte do 'macroproxecto' Ordes-Curtis, vén de ser sometido a información pública no DOG.

Representantes dunha decena de entidades e movementos veciñais contra os 'macropolígonos' eólicos das comarcas de Ordes e Betanzos mantiveron nas últimas horas un novo encontro no que acordaron artellar unha rede de traballo para "informar e asesorar a veciñanza" sobre estes proxectos e preparar a presentación de alegacións.

Refírense, nomeadamente, ao parque eólico Legre, promovido por Green Capital Power, que foi sometido ao proceso de información pública a través do Diario Oficial da Galiza (DOG) e que afectaría os concellos de Mesía e Oza-Cesuras. O proxecto Legre, sinalan, fai parte "pola vía da fragmentación" do 'macroparque' Ordes-Curtis.

Afirman, aliás, estar "preparadas" para que "non se escape" nas próximas datas a publicación oficial da anunciada liña de alta tensión (LAT) Gato-Mesón do Vento, da enerxética Greenalia. "Xa vén de vello a estratexia das promotoras de abrir os prazos de alegacións en meses de vacacións como son xullo e agosto e así 'coar' proxectos estratéxicos sen oposición dos afectados", lamentan.

"Ante o poderío económico das eléctricas e a motivación especulativa para acaparar os territorios rurais, as persoas afectadas desde todos os eidos poñen a funcionar a súa grande arma, que é a colaboración voluntaria para a defensa do patrimonio persoal propio e do patrimonio ambiental e cultural de todas", indican.

Renovábeis "en positivo"

Neste senso, salientan que é "cada vez máis xente" a implicada na loita veciñal contra estes 'macroproxectos' eólicos, e a tal efecto habilitarán proximamente un novo dominio na rede, 'renovábeis en positivo', para "pór en común as ferramentas de todas as plataformas para así xuntalas nun 'clic' e facer que o seu traballo sexa cada vez máis rendíbel".

Con todo, subliñan que non teñen "nada en contra das renovábeis", senón que consideran que "poden ser moi positivas para a cidadanía ante a crise enerxética que se aveciña, sempre que falemos de modelos ben dimensionados, planificados, distribuídos e respectuosos co medio e coas persoas dos territorios onde se instalen".

De cara ao remate do verán prevén convocar unha manifestación na Coruña, e avanzan que no outono terá continuidade o seu traballo de divulgación. Tamén na cidade herculina participarán nun relatorio xunto a persoas afectadas polos parques eólicos mariños proxectados no país.

Os colectivos que se reuniron recentemente e que preparan estas accións son Afectados de Paderne, Asociación A-Legre, Asociación Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo, Asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo, Asociación SOS Monte do Gato-Seselle, Plataforma Caíño-Brancellao, Plataforma Monfero di Non, Plataforma pola defensa da Comarca de Ordes, o 'Quixote de Outes' e Veciños polo Rural.