Algo máis de 124 quilómetros separan Cervo de Lugo. Nas dúas localidades, as impulsoras e participantes nas xornadas feministas que se desenvolven durante o día de hoxe comparten dificultades. "Organizando esta xornada constatamos que Lugo está fóra de todas as comunicacións. Nin tren nin autobús. As mulleres que veñen viaxan o día antes, porque teñen moi difícil chegar. As de Vigo nin poden vir". Quen fala é Carmen de Simón, membro do Foro Feminista Maruxa Mallo, un colectivo formado maioritariamente por docentes luguesas xubiladas que este 8 de febreiro ten a encomenda de dirixir o III Encontro para unha Axenda Feminista Galega, que reúne unha ducia de organizacións galegas para definir, tal como indica o nome, as prioridades que colocar na axenda política desde o feminismo, de cara ás próximas eleccións galegas.
Coa violencia de xénero na cúspide desa axenda, e con medidas xa consensuadas, como a reclamación de máis xulgados especializados nesta materia, formación específica para os operadores xurídicos e máis e mellores apoios para as vítimas, a sesión de hoxe quere continuar o traballo iniciado en 2019 nas dúas xuntanzas de Panxón e Compostela para acabar de perfilar ese documento, que servirá tamén para deseñar as súas accións futuras. Hoxe tratarán de incorporar as conclusións sobre prostitución desde unha posición compartida que é abolicionista, saúde das mulleres e diversidade funcional, vista desde unha perspectiva feminista.
A metade das participantes neste encontro fan parte de Galegas 8M, a plataforma creada hai tres anos para aunar forzas e organizar unha mobilización feminista nacional unitaria e descentralizada arredor desta data, que neste 2020 terá lugar o 1 de marzo en Verín. Este sábado, Galegas 8M celebra en Cervo unha asemblea nacional para avanzar na organización dese grande acto, que o Foro Feminista Maruxa Mallo tamén apoia, "pola unidade de acción".
Na Mariña xa están preparando as accións para o 8M. Esta mesma semana houbo xuntanzas en Foz, Burela e Ribadeo. "O traballo que facemos en común é o de mobilizar para ir a Verín, conseguir transporte e xente, e para iso estamos contactando con todos os concellos para conseguir axudas para o transporte, materiais e actividades", conta Inma Orol, membro do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que como entidade está integrada en Galegas 8M.
A activista conta que o ano pasado, dividiron a comarca en tres sectores para chegar até as parroquias máis pequenas, "porque son máis de 70 quilómetros e así era máis factíbel mobilizar os grupos de traballo". Por iso, celebra a decisión de elixir Cervo para unha das xuntanzas da organización do acto central de Galegas 8M, ao tempo que mira para as accións e mobilizacións que se farán a nivel comarcal, coincidindo, estas si, coa efeméride.
Unha plataforma para descentralizar os actos feministas do 8M
"O que fai a plataforma é ir movendo as asembleas nacionais polo territorio, para descentralizar a acción e que todas poidamos participar, igual que se descentralizou a manifestación principal –en 2018 tivo lugar en Vigo e o ano pasado en Lugo– para que non caese sempre en Compostela. Agora podemos falar de grandes mobilizacións e implicación de xente de todos os sitios", salienta unha portavoz de Galegas 8M, que destaca a importancia da decisión. "Non todas podemos trasladarnos; dependemos do traballo, dos coidados ou do transporte, porque estamos moi mal comunicadas", observa, para subliñar o positivo: "Facémolo para que todas saibamos o complicado que é moverse e chegar as unhas ás outras, pero tamén para lembrar que cando o logramos chegamos máis alá, conseguimos máis consenso e maior mobilización".
Como avanza, o movemento seguirá percorrendo o territorio de cara ao acto de Verín, "que é un xesto de apoio e agrademento á bravura das mulleres de alí, para celebrar a reapertura da sala de partos e para posicionármonos contra toda a violencia institucional que sempre reverte máis nas mulleres, neste caso a nivel obstétrico e de perda de servizos públicos, ben precarizados ou privatizados, que nos obriga a seguir moi vixilantes".
A integrante na plataforma sinala que o interese que moveu a súa constitución foi amosar "un feminismo galego unido, e facelo nunha vila ou nunha cidade onde vísemos necesario dar un toque de atención ou un impulso". O manifesto que anticipa o acto do 1 de marzo advirte as "malas conexións" que sofren as galegas das contornas rurais. Chegar desde Cervo a Verín son máis de tres horas de coche, 305 quilómetros.
Manifestaranse en Verín o 1 de marzo, baixo o lema "Sen coidados non hai vida"
Galegas 8M pon o foco das reivindicacións deste ano nos coidados e no consumo. Baixo o lema "Sen coidados non hai vida", as súas integrantes decláranse "fartas de que o traballo no fogar, nas terras e nos coidados funcione como amortecedor dos efectos devastadores da crise no benestar das persoas". Nun comunicado, a plataforma chama á mobilización social, tanto na manifestación nacional do 1 de marzo como o propio 8M, nas mobilizacións locais e comarcais, e advirte de que o feminismo vai seguir "vixiante, porque o que aconteceu en Verín pode repetirse en calquera outra zona do país".