O movemento LGBT fecha en Vigo o mes do Orgullo: "Polos nosos dereitos. Polas nosas vidas"

Centos de persoas marcharon polas ríuas de Vigo en defensa dos dereitos LGBT+. (Foto: Nós Diario).
A organización do Orgullo Crítico 2023 censurou os atrancos do Concello, que obrigou a adiantar o fin da festa diversa que culminou a celebración.

Centos de persoas participaron este sábado, 1 de xullo, na manifestación do Orgullo LGBT+ de Vigo, Orgullo Crítico fronte aos discursos de odio da dereita e ultradereita españolistas que alentan a LGBTfobia mais, sobre todo, en defensa dos dereitos e as vidas das persoas do colectivo.

Convocada pola Asociación Nós Mesmas e Avante LGBT a marcha partiu ás 20.30 horas da Dobrada para despedir na Galiza o mes do Orgullo, marcado no político polos resultados das eleccións municipais e a convocatoria de estatais para o 23-X.

As primeiras decisións e promesas dos novos gobernos integrados por PP e Vox en varias localidades do Estado confirman un momento de "incerteza e inflexión" para a comunidade LGBT+ que, coas súas proclamas puxo o foco na radicalización dos discursos LGBTfóbicos, contrarios á liberdade sexual e á diversidade de xénero.

Contra os gobernos reaccionarios

Con berros e pancartas as manifestantes percorreron as rúas de Vigo para reivindicar o Orgullo fronte ao odio, a discriminación e os actos de violencia física ou verbal que moitas persoas seguen a  sufrir só por ser quen son e reclamar os dereitos máis elementais.

A ameaza do "fascismo" fai temer polos logros conseguidos, como a Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, a probada este mesmo ano.

Unha norma imperfecta que deixou polo camiño a migrantes, persoas non binarias e moitas menores, queimando a saúde mental de centos de activistas, pero que malia todo,  abre camiño para reducir os niveis de violencia e sinalamento aos que se viu exposto o colectivo no último lustro de loita e debate público.

Transfobia

Neste tempo pelexou por unha lei que deixa de tratar as persoas trans como enfermas. Un motivo de orgullo e celebración, "que amagan con derrogar apenas medio ano despois da súa ratificación".

"A transfobia segue moi viva aínda na nosa sociedade, e debemos erradicala por todos os medios", defenden desde Avante, ao tempo que advirten do que xa pasou en Hungría, Italia, Polonia, ou os EUA, onde os dereitos da comunidade LGBT+ foron dos primeiros en caer nas mans de gobernos reaccionarios. 

Vigo amosouse na rúa como unha cidade orgullosamente diversa. "Non é un desfile, é unha manifa", posíbel a pesar dos atrancos do Concello para a realización da festa diversa que tivo lugar tras a manifestación na Porta do Sol. 

Críticas a Abel Caballero

Segundo denunciaron os colectivos organizadores, o Goberno de Abel Caballero demorou até o límite a concesión da autorización malia ser tramitada con moitas semanas de antelación e acabou impoñendo a conclusión do evento á 1 da madrugada no canto das ás 3, cando xa estaban fechadas e anunciadas todas as actuacións. 

"O que tería que facer o Concello é implicarse para apoiar de verdade este tipo de actos reivindicativos en lugar de poñer obstáculos a través da violencia administrativa", esixiu o voceiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

O combate de todas as formas de LGBTfobia, odio e violencia desde as máis sutís até as máis violentas, ten que ser unha verdadeira prioridade política, recalcou. "Non podemos tolerar que se sigan producindo situación de acoso, de discriminación e mesmo de violencia contra persoas pola súa condición sexual ou a súa identidade de xénero".

Cidade diversa

Nese sentido, desde o BNG reclaman un maior compromiso por parte do Concello de Vigo, tanto no simbólico como no práctico, para "afirmarmos con rotundidade que estamos orgullosas e orgullosos de sermos unha cidade diversa, inclusiva e integradora". Un compromiso que ten que traducirse en medidas concretas e en poñer os recursos necesarios, a través da sensibilización e do apoio ao colectivo, na erradicación da LGBTfobia.

É "incomprensíbel" que a maior cidade de Galiza, "cun Goberno municipal que se di progresista, non dispoña dun servizo de atención e apoio ao colectivo LGBT", concluíu o voceiro nacionalista.