O movemento feminista sae ás rúas contra a violencia machista

Convocan concentracións a sexta feira (1 de xaneiro) perante o asasinato de M.R.B. en Mos. Horas e lugares no interior. 

 

Á espera de que as autoridades policiais e xudiciais o confirmen, o asasinato de María R. B. e Mos podería tratarse do sétimo --segundo as cifras oficiais-- na Galiza e do décimo de se contabilizaren Sergio Rodríguez --asasinado en Arbo xunto a Beatriz Rodríguez-- e as dúas crianzas de Moraña, Amaia e Candela. 

Neste senso, o movevemenro feminista vén de lanzar unha nova convocatoria de mobilizacións por todo o país coas que queren amosar o seu rexeitamento á violencia machista. Unha medida que se adopta no noso país de maneira automática o día despois de aparecer recollido na imprensa a motivación machista dos crimes. 

"Ningunha agresión ficará sen resposta", aseguran. "Estaremos na rúa mentres se manteñan as estruturas e os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia sexista, este feminicidio, estas agresións e asasinatos de mulleres". 

Horas e lugares das concentracións:

  • A Coruña, no Obelisco ás 20 horas.
  • Vigo ás 20 h no Marco. 
  • Ourense ás 20 h na Castañeira. 
  • Ferrol, ás 20 h diante do Concello. 
  • Compostela, na Porta do Camiño ás 20 h.
  • Val Miñor, 18h, no Parque da Ramallosa 

Maos tratos xulgados como insultos

M.R.B. interpuxera unha denuncia contra o seu compañeiro en outubro de 2014 por "maos tratos físicos e psicolóxicos habituais" de acordo coa información transmitida pola Delegación do Goberno español na Galiza e que foi tamén confirmada polo TSXG.

Así as cousas, o proceso xudicial derivou na abertura dun  xuízo oral por insultos. M.R.B finalmente retirou a denuncia. 

Segundo Santiago Villanueva "probabelmente" o home pase a disposición xudicial esta quinta feira.