A muller asasinada en Mos presentara denuncia por violencia machista

O marido de M.R.B. foi prendido pola policía e a Delegación do Goberno confirmou que o denunciara en 2014. A muller presentara denuncia por malos tratos físicos e psíquicos mais retirouna antes de chegar a xuízo. investigación de Narón permanece aberta. 

 

M.R.B. e C.P.C foron asasinadas nos concellos de Mos e Narón, respectivamente, entre o mediodía e as 22.30h do 29 de decembro. 

Segundo as axencias de noticias as pesquisas policiais mantéñense abertas e non se descarta ningunha posibilidade se ben, no crime de Mos foi detido o compañeiro dela após prestar declaración en calidade de investigado. 

En ambos os dous casos foron os homes os que chamaron a Emerxencias  para informaren de que atoparan o corpo das mulleres no interior da vivenda familiar. 

Neste senso a Delegación do Goberno español na Galiza confirmou que M.R.B presentara unha denuncia en 2014 contra o seu compañeiro por violencia machista (física e psicolóxica). 

M.R.B (Mos) foi asasinada dun golpe na parte traseira da cabeza. Trátase, á espera de confirmación policial, da sétima muller asasinada pola violencia machista de 2015, de acordo coas cifras oficiais. 

C.P.C. foi acoitelada e degolada. Porén, as investigacións aínda non determinaron a motivación do crime. 

 

Fe de grallas. Esta información foi modificada por volta das 12.20h para corrixir as iniciais da muller asasinada en Mos M.R.B.