O movemento feminista rexistra a reclamación pertante o CXPX polo asasinato de Isabel Fuentes

Denuncian a "desprotección" que atinxiu o primeira muller asasinada pola violencia machista na Galiza este 2015 e que fan extensíbel a todas as mulleres en situación de violencia. 

 

María Isabel Fuentes foi asasinada o 8 de maio de 2015 no Hospital de Ourense (CHUOU) a mans do seu compañeiro, Aniceto Rodríguez. Tratouse, na altura, do primeiro asasinato machista rexistrado oficialmente na Galiza este 2015. Corría a campaña electoral aos comicios municipais e organizacións políticas como o BNG paralizaron os seus actos

O asasinato de Isabel Fuentes producíase no interior dun complexo hospitalario público no que se atopaba ingresada desde había un mes por mor dunha agresión sufrida no seu domicilio e da que a Garda Civil sospeitaba que podía tratarse dun caso de violencia machista. 

Así as cousas, malia os informes policiais remitidos á xuíza instrutora do caso e á petición de que fosen adoptadas medidas cautelares perante o risco de que Aniceto Rodríguez agredise de novo a Isabel, a xuíza non adoptou medida algunha argüíndo que perante "sospeitas" non podían limitarse os "dereitos" do seu compañeiro. 

A denuncia foi apoiada por 1.200 sinaturas e 30 colectivos

Neste senso, o movemento feminista, através da Marcha Mundial das Mulleres en Ourense, rexistrou esta terza feira (22 de setembro) unha reclamación no Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na que denuncian a "desprotección" que atinxiu Isabel Fuentes e que, aseguran, é extensíbel a todas as mulleres en situación de violencia. 

A denuncia foi apoiada por 1.200 sinaturas e 30 colectivos, entre eles BNG, CIG, Anova e Esquerda Unida. 

Liberdade e protección do sospeitoso 

"Non podemos negar que aconteceu o que sempre ocorre, que na ponderación entre as liberdades dos supostos agresores e a seguridade das mulleres vítimas de violencia machista, prima sempre, con argumentos ademais de garantía constitucional, a liberdade e protección dos dereitos dos posibles sospeitosos, que neste caso, como noutros moitos, deu lugar a un fin tráxico co asasinato de dona Isabel, nunha violenta versión dunha crónica de morte anunciada, como ven ocorrendo en moitísimos casos nos que as mulleres advirten do risco que corren pero que son vítimas do desprezo do seu relato nos xulgados, coa agravante, neste caso, de que quen advertía do risco que sufría a muller non era a propia vítima, senón precisamente a Garda Civil", recolle a reclamación xudicial. 

"Agardamos un informe do Consello Xeral do Poder Xudicial en relación ao relato dos feitos e as tráxicas consecuencias para Isabel Fuentes"

Desde a Marcha Mundial das Mulleres en Ourense sinalan que optaron por unha reclamación patrimonial na procura dunha "reflexión e explicacións sobre o que se fixo mal para non se protexera a Isabel Fuentes". Un mecanismo que lles exixiu por valor á vida de Isabel e que representaron, simbolicamente, en "un euro". "A petición dunha cantidade económica como valoración do dano provocado é necesaria para cumprimentar a exixencia dun requisito do propio procedemento, pero para nós a perda da vida dunha muller non ten prezo e esta cantidade non ten máis desexo que simbolizar a gravidade do que estamos a reclamar, non sendo o noso desexo conseguir ningunha satisfacción económica", apuntan. 

"Agardamos un informe do Consello Xeral do Poder Xudicial en relación ao relato dos feitos e as tráxicas consecuencias para Isabel Fuentes, que son igualmente tráxicas para todas", pois "prexudicadas por esta actuación somos todas as mulleres deste Estado, porque todas somos susceptibles de sufrir unha situación como esta, máxime as que están nunha especial situación de vulnerabilidade, que non son poucas", acrecentan. 

A reclamación rexistrada esta terza feira fai parte dunha campaña máis ampla posta en andamento após o asasinato de Fuentes e na que tamén se están a recoller sinaturas individuais e colectivas que se entregarán nos xulgados do país nas vindeiras semanas.